Skip to main content

O Centro de investigación en Tecnoloxías da Información convoca cinco bolsas de verán de iniciación á investigación

Cartel da convocatoria
Cartel da convocatoria
Desenvolveranse no mes de xullo cunha dotación de 700 euros e gastos de desprazamento

Os estudantes que teñan rematado o terceiro curso do grao en Informática ou de Telecomunicacións, Matemáticas, Física ou disciplinas similares poderán optar ás cinco bolsas que convoca o Centro singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CiTIUS) coas súas Bolsas de Investigación Verán 2016. Tamén poderán concorrer quen teña superado 140 créditos cunha nota media igual ou superior a 8,0. Cada unha das bolsas está dotada con 700 euros e unha axuda económica por gastos de traslado.

A través desta convocatoria, as persoas seleccionadas terán a oportunidade durante o mes de xullo de traballar directamente cos investigadores principais do centro nunha das liñas de investigación incluídas nos Programas Científicos, así como participar en relatorios e ciclos formativos que terán lugar durante a túa estadía. Os Programas Científicos entre os que se poderán elixir son os de Computación de altas prestacións e computación na nube; e-Saúde; Enxeñaría de datos; Intelixencia ambiental e interfaces multimodais, Intelixencia de negocio e na web; Robots persoais; e Visión artificial.

As persoas interesadas deberán remitir a documentación requerida a citius.idi [at] usc.es (citius[dot]idi[at]usc[dot]es) indicando no asunto ‘Bolsa de verán’ antes das 23.59 horas do 22 de maio. As bases da convocatoria e o formulario de solicitude poderá descargarse da web.

The contents of this page were updated on 04.26.2016.