Unha nova promoción de Medicina celebrou este mércores o acto de licenciatura e graduación

O reitor Juan Viaño presidiu este mércores 27 o acto académico de licenciatura e grao dunha nova promoción de Medicina. No Palacio de Congresos e Exposicións, o reitor animounos a emprender a súa carreira profesional prestando atención á calidade e aos resultados, “debedes esixir que dende esta parte do mundo se poida facer unha asistencia e unha investigación biosanitaria digna de calquera país de referencia”. Viaño remarcou a súa confianza nun grupo que comezou a súa etapa universitaria sendo “os mellores expedientes de Bacharelato de Galicia. Cada ano comezamos un curso académico convencidos de que temos os mellores profesionais do futuro no ámbito da saúde”.
Respecto da futura Facultade de Medicina, o reitor apuntou que máis alá dunha obra arquitectónica trátase da proceso de “modernización do concepto de formación e investigación integral”, así como “un dos principais retos da USC neste primeira metade do século XXI”. Deixando aberta as portas da USC aos futuros titulados e tituladas, lembroulles que “non dubidedes en acudir á universidade sempre que o precisedes” e invitounos a marcas as súas propias metas porque “o mundo non cambia estando quietos. Estades nun momento no que vos tedes que arriscar un pouco máis aínda para lograr alcanzar novas metas”.
Á sesión asistiron ademais o xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Luis Verde Remeseiro; o presidente do Consello de Colexios Médicos de Galicia, Luciano Vidán Martínez; o presidente da Real Academia de Medicina de Galicia, José Carro Otero; Guillermo Deben, do Colexio de Médicos da Coruña; e a presidenta da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC, Benita Silva Hermo, ademais do decano da Facultade Juan Gestal, entre outros.
Logo da proxección dun vídeo introdutorio, a sesión contou coas intervención do padriño da promoción, o catedrático Ángel Carracedo; e de Claudio Rivadulla e Alicia López en representación do alumnado, o que deu paso á entrega de diplomas acreditativos. O decano Juan Gestal precedeu ao xuramento arredor da declaración de Xenebra que leron Carmen González-Carreró Sixto e Kevin Torres Espinosa.
Ademais da quenda de intervencións, proxectáronse diversas pezas audiovisuais elaboradas polos integrantes da promoción. Foto: Santi Alvite Na sesión participou unha numerosa representación de familiares e amizades. Foto: Santi Alvite