O 2 de maio pecha o prazo para presentar comunicacións á IV Xornada Universitaria Galega en Xénero

As oficinas de igualdade das tres universidades galegas organizan unha nova Xornada Universitaria Galega en Xénero (XUGeX) que nesta cuarta edición terá lugar o 15 de xullo en Compostela. O prazo para presentar comunicacións pecharase o 2 de maio. Nesta ocasión, baixo o lema Perspectiva de xénero na docencia universitaria debaterase sobre a práctica docente e ábrese a convocatoria ao persoal docente investigador de fora do sistema universitario galego.
As comunicacións completas deberanse enviar (segundo a área temática elixida) aos enderezos electrónicos oix [at] usc.es (oix[at]usc[dot]es) para as áreas Metodoloxía docente e perspectiva de xénero e Innovación e boas prácticas na aula coa perspectiva de xénero; a igualdade [at] uvigo.es (igualdade[at]uvigo[dot]es) para Dinámicas de xénero na aula e Comunicación inclusiva: o uso da linguaxe na docencia; e a oficina.igualdade [at] udc.es (oficina[dot]igualdade[at]udc[dot]es) para Integración da perspectiva de xénero no ensino virtual e Incorporación da dimensión de xénero na titorización.
As xornadas
Desde 2013 as oficinas e unidades de igualdade das tres universidades galegas colaboran na realización destas xornadas, punto de encontro para o seu persoal docente investigador que traballa con perspectiva de xénero.
Tratan con elas de impulsar a aplicación da transversalidade de xénero como un criterio de excelencia universitaria e intercambiar experiencias entre o persoal que teña integrado a perspectiva de xénero na súa práctica docente e o que estea interesado en incorporala. Do mesmo xeito, buscan potenciar experiencias innovadoras e crear novas redes de colaboración.