Unha xuntanza internacional en Braga estuda a utilización da madeira e o carbón na historia
A USC colabora coa Universidade de Minho no encontro internacional ‘ Wood and Charcoal: aproaches from archeology, archaeobotany, ethonography and history’ que se celebra en Braga a vindeira semana. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o día 15, día de inicio da xuntanza na que participarán expertos procedentes de países como Bélxica, Francia, Portugal e España.
Como explica a investigadora do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico da USC e membro do comité organizador, María Martín Seijo, o encontro aborda o estudo da madeira e o carbón vexetal dende o punto de vista arqueolóxico, arqueobotánico, etnográfico e histórico. Ambos son materiais presentes de xeito cotiá en diferentes ámbitos da vida en épocas pasadas: na esfera doméstica, en forma de ferramentas artesanais e rituais, nas armas, nas estruturas, edificios ou en distintos vehículos. Un dos obxectivos principais da xuntanza será dar visibilidade a estes materiais efémeros e aos seus usos en distintos momentos da historia.