campUSCulturae participa cun stand na Feira Internacional do Libro Infantil de Bologna

O proxecto campUSCulturae participa ata o próximo xoves 7 na Feira Internacional do Libro Infantil de Bologna cun stand propio. Esta é unha das citas máis importantes da creación, divulgación, publicación e distribución de contidos literarios para a infancia e a xuventude.
No pavillón 29 do complexo feirístico, campUSCulturae expón en Bologna todos os contidos e produtos derivados da súa actividade ao longo dos seus cinco anos de existencia, realizados polas seis institucións a traballaren en rede que fan posible campUSCulturae: o Vigdís Finnbogadóttir Instute of Foreign Languages da Universidade de Islandia; a Universidade de Lodz (Polonia), a ONG Studii Romani (Bulgaria), especializada no estudo e promoción das culturas xitanas; a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas ondas! (Portugal); a consultora alemá CHE Consult; e a USC, coordinadora institucional do proxecto.
Entre as actividades que campUSCulturae levará a cabo ao longo destes días en Bologna cóntase a presentación de varios dos libros editados polo proxecto (entre eles, o máis recente Communication, Societies and Cultural Diversity: the campUSCulturae Project (2011-2016); o encontro con profesionais do sector doutros países e institucións e a celebración da reunión anual de socios de campUSCulturae, que terá lugar nas propias instalacións da Feira do Libro de Bologna.