Skip to main content

Un concurso de modelado 3D fomenta entre o estudantado galego a educación en valores ambientais

Un concurso de modelado 3D fomenta entre o estudantado galego a educación en valores ambientais
Un concurso de modelado 3D fomenta entre o estudantado galego a educación en valores ambientais
O certame está organizado polo Concello compostelán, en colaboración con Ferrovial e coa Universidade de Santiago

O Concello de Santiago, en colaboración coa USC e a empresa Ferrovial, vén de poñer en marcha o concurso COMPOS3D de modelado 3D a partir de fotografías, co obxectivo de fomentar a educación en valores medioambientais. O certame enmárcase nas actividades de celebración na cidade do Día Mundial do Medio Ambiente, e está dirixido a estudantes de entre 14 e 17 anos.

No concurso, promovido na USC polo seu Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) e o grupo de investigación D3MOBILE, poden participar equipos formados por un alumno e o seu profesor, de calquera centro de ensino regrado de Galicia. Os profesores poderán formar parte de distintos equipos, tutelando a cantos estudantes desexen.

Botando man de instrumentos tan familiares para os mozos como un teléfono móbil, unha tablet ou un ordenador, os participantes realizarán un modelo 3D virtual a partir dun obxecto da súa contorna. Tamén terán que elaborar un vídeo do modelo, que poderá ser editado. O 2 de maio remata o prazo para presentar os traballos, que serán valorados pola súa creatividade, orixinalidade, calidade e beleza, así como polo grao de vinculación coa temática do medio ambiente.

Premios
O concurso COMPOS3D establece catro premios, dous para os mellores equipos de centros de Santiago e outros dous para os de Galicia, consistentes en dúas tablets (unha para o alumno e outra para o profesor). Ademais, para os dous centros educativos –de Santiago e Galicia- que acaden en conxunto unha maior puntuación sumando as dos seus equipos adscritos haberá unha impresora 3D.

Compostela, pioneira
Coa organización deste evento, Compostela convértese na primeira cidade en utilizar o modelado 3D a partir de fotografías como ferramenta para o fomento da educación en valores ambientais. Trataríase da mesma formulación que ten calquera concurso de fotografía, vídeo, pintura, narración, etc., pero en lugar de utilizar eses soportes os participantes utilizarán o modelado 3D, unha técnica que está a converterse nunha potente ferramenta de rexistro de información que xa utilizan diariamente moitos escolares, universitarios e profesionais en todo o mundo.

COMPOSfoto 2016
Por outra banda, aínda permanece aberto (ata o 13 de maio) o prazo para inscribirse no concurso COMPOSfoto 2016, organizado polas mesmas entidades e coa fotografía como técnica a utilizar para o mesmo fin. Os estudantes inscritos nos dous certames poden aproveitar os coñecementos adquiridos en modelaxe 3D para competir en ambos os dous concursos.

The contents of this page were updated on 04.05.2016.