Últimos días para conformar o equipo da USC para a primeira Carreira Galaico-Duriense contra a Droga

As universidades da Coruña, Santiago e Vigo, a proposta da Fundación Galega contra o Narcotráfico organizan a primeira edición da Carreira Galaico-Duriense contra a Droga que se disputará o 24 de abril no Campus de Vigo coa colaboración, ademais, das tres universidades do norte de Portugal, Universidades de Porto, Trás-os-Montes e Alto Douro, e Minho. Será unha carreira aberta a todas as persoas que desexen participar, contando con diversas categorías e distancias dentro do circuíto previsto arredor do Campus Lagos-Marcosende. Para facilitar o desprazamento o día da competición, haberá autobuses dende os campus de Santiago e Lugo.
O próximo xoves 14 de abril remata o prazo para achegar ao Servizo de Deportes da Uvigo a relación do equipo representativo do campus, onde se incluirán ata 20 integrantes xa inscritos en www.championchipnorte.com. Para a participación dun campus na competición universitaria é necesaria a inscrición dun mínimo de oito deportistas. Coa colaboración dos servizos de Deportes das tres universidades, esta carreira celebrarase con carácter anual e aleatorio polos distintos campus galegos.
Ademais de ser a primeira carreira galaico-duriense interuniversitaria contra a droga, a competición contará cunha clasificación especial intercampus para fomentar a competición e a sa rivalidade entre os/as deportistas das distintas institucións. O obxectivo é promover a práctica deportiva como un hábito saudable que achega beneficios indubidables para o desenvolvemento integral das persoas, ademais de fomentar a sensibilización da comunidade universitaria ante a problemática das drogodependencias nun encontro que promove a convivencia entre estudantes das universidades participantes.
Ademais dunha clasificación xeral con premios e agasallos para os primeiro clasificados, haberá clasificación universitaria intercampus con premio para o campus gañador.