Skip to main content

A USC participa no principal proxecto europeo de investigación sobre diagnose e tratamento do Alzhéimer

Desenvolverá nanoestruturas que permitan o diagnóstico precoz da enfermidade cinco anos antes de que comece a sintomatoloxía

Máis de 100 investigadores europeos, liderados polo Grupo de Neurociencias Clínicas do IDIS no que participa a USC, traballarán no proxecto europeo PANA (Promoting active Ageing: Nanodevices for Alzhéimer’s Disease at ultra-early stages // Promoción do envellecemento activo: nanoestruturas para fases moi precoces da enfermidade de alzhéimer) que xurde co obxectivo de contribuír a mitigar e atrasar os devastadores efectos desta patoloxía. A investigación lidérana o director científico do Idis e profesor da USC José Castillo e o investigador do Servizo Galego de Saúde Tomás Sobrino.

Cunha duración de cinco anos e un orzamento de preto de 8 millóns de euros, trátase da principal investigación europea sobre a enfermidade de Alzhéimer, que busca desenvolver nanoestruturas que permitan o diagnóstico precoz desta demencia cinco anos antes de que comece a sintomatoloxía clínica.

Ata o de agora non existen tratamentos efectivos para a enfermidade de Alzhéimer, posiblemente porque a patoloxía é diagnosticada en etapas tardías. Por iso, o proxecto PANA ten como obxectivo desenvolver un sistema de detección precoz baseado na nanotecnoloxía mediante o deseño de nanoestruturas multimodais que se unen a un biomarcador específico da enfermidade, e que poderán ser detectados por técnicas de neuroimaxen como a Resonancia Magnética e a Tomografía de Emisión de Positrones (PET).

As nanoestruturas teranósticas (que permiten á vez o diagnóstico e o tratamento da enfermidade) que desenvolverá este proxecto recoñecen dianas terapéuticas moi precoces implicadas no comezo e avance da enfermidade de Alzhéimer desde un punto de vista traslacional e multidisciplinar.

Incremento dun 71% as mortes por Alzhéimer
O Alzhéimer constitúe a primeira causa de demencia no adulto. Máis de 7,5 millóns de cidadáns europeos, de idade comprendida entre os 30 e 99 anos, sofren algún tipo de demencia. O cambio demográfico europeo, co envellecemento progresivo da súa poboación (especialmente en Galicia), acompañado dunha mellor atención sanitaria condiciona un incremento da súa incidencia e prevaleza para os próximos anos. Entre 2000 e 2013 as mortes por esta enfermidade aumentaron nun 71%.

The contents of this page were updated on 02.23.2016.