Skip to main content

O Colexio de Fonseca retrata as ‘Luces e misterios da Compostela Mística’

Antón Rodicio xunto unha das imaxes que se mostrarán no Colexio de Fonseca ata finais de abril
Antón Rodicio xunto unha das imaxes que se mostrarán no Colexio de Fonseca ata finais de abril
O reitor Juan Viaño inaugura a mostra este xoves 31

“Hai nas madrugadas de Compostela unha hora silenciosa e baleira. Unha hora máxica na que os derradeiros noctámbulos sa xe foron pero os máis madrugadores aínda non chegaron. Unha hora de calados resplandores na que é posible gozar da cidade a solas”. Con estas palabras, o catedrático de Álxebra Antón Rodicio anticipa ao visitante da exposición ‘Luces e misterios da Compostela Mística’ o nexo común das corenta e seis imaxes e dez poemas que ata finais de abril se poderá visitar no Colexio de Fonseca e da que el mesmo é autor. O reitor Juan Viaño preside este xoves 31 o acto inaugural da exposición ás 20.00 horas no Colexio de Fonseca.

Os dous espazos expositivos en que se articula o Colexio de Fonseca recollen á súa vez dous conxuntos fotográficos distintos que “simbolizan a contradición da Compostela histórica”, explica o seu autor. Mentres no Salón Artesoado móstranse instantáneas de exterior do casco histórico “na hora azul do amencer”, na Capela atópanse capturas de espazos interiores, rúas e prazas “escuras, sombrías, surrealistas”, imaxes opostas ás anteriores. A través destes puntos de vista o visitante “ atopará a alma de Santiago, sen coches, sen persoas, só a cidade núa”.

O conxunto de imaxes e textos sobre os que se vertebra o relato de Antón Rodicio comeza a finais de 2014 como manifestación da inquedanza de quen simultanea a docencia e a investigación matemática coa expresión artística. “A matemática ten relación coa arte a través da beleza dos seus conceptos”, se ben cando se atopa entre números “é fría e austera, ten pouco que ver coa alma” sinala Antón Rodicio. Xustifica Antón Rodicio o tránsito entre matemáticas e arte en que “tiven que descender ao concreto, atender a alma”, o que primeiro o levou á literatura e logo á fotografía, ambos ingredientes presentes na exposición.

A partir da súa inauguración este xoves 31, a mostra poderá visitar ata o 30 de abril en horario de luns a sábado de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas.

The contents of this page were updated on 03.31.2016.