Skip to main content

Estudantes do campus de Lugo lanzan unha campaña de recollida de material de primeira necesidade a prol de refuxiados sirios

María López de la Calle é a promotora desta campaña solidaria
María López de la Calle é a promotora desta campaña solidaria
A iniciativa solidaria estará aberta do 1 ao 11 de abril. As persoas poden facer as súas doazóns no local habilitado a carón da cafetería da Escola Politécnica Superior de Lugo

Estudantes do campus de Lugo lanzan unha campaña solidaria a prol dos refuxiados procedentes de Siria en colaboración coa organización non gobernamental Alhambra Internacional. Os promotores desta iniciativa abrirán no local do alumnado da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC un punto de recollida de artigos de primeira necesidade que logo doarán ás persoas procedentes de Siria que están a abandonar o país por mor da guerra.

Esta campaña a prol dos refuxiados sirios xurdiu a iniciativa da estudante do máster en Enxeñaría Agronómica da USC na EPS María López de la Calle, quen, logo de poñerse en contacto con Alhambra Internacional, xa recibiu a credencial de voluntaria para coordinar unha acción altruísta que se desenvolverá do 1 ao 11 de abril, período no que permanecerá aberto un punto de recollida de doazóns para esta causa no local do alumnado situado a carón da cafetería da Escola Politécnica Superior de Lugo. As dependencias cedidas pola EPS e habilitadas como lugar de recepción de doazóns estarán atendidas por máis 20 estudantes nos distintos centros universitarios do campus de Lugo que se sumaron voluntariamente á causa e permanecerán abertas en quenda de mañá e tarde, en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. Ante a inminente apertura desta campaña solidaria, a súa promotora, María López de la Calle, fixo público o seu agradecemento pola axuda recibida á Escola Politécnica Superior e ao colectivo de estudantes que se comprometeron a participar como voluntarios. Asemade, López de la Calle animou a toda a comunidade universitaria, pero tamén ao resto da cidadanía de Lugo a participar coas súas doazóns, que logo serán trasladadas de forma altruísta por parte de Seur ata os lugares que se precisen. As doazóns que se solicitan no marco desta iniciativa de recollida de material de primeira necesidade para refuxiados/as procedentes de Siria promovida en colaboración con Alhambra Internacional son diversas e inclúen desde produtos de hixiene persoal de todo tipo -cepillos de dentes, dentífricos, xabón, locións..., alimentos envasado –conservas en lata, arroz, pasta…- e material de parafarmacia -vendas, gasas, chupetes, cueiros, auga osixenada, compresas...-.

The contents of this page were updated on 03.29.2016.