A diversidade como aposta pola ecoloxía das culturas centrará as conversas do CulturaLab do Máster de Servizos Culturais en 2016
O CulturaLab, unha iniciativa de participación cidadá guiada por Fran Quiroga e promovida ao abeiro do Máster de Servizos Culturais que a USC imparte na Facultade de Humanidades do campus de Lugo, encara a súa segunda edición cun programa cargado de novidades, como o son o feito de que legar ao estudantado a elección dos relatores que participen como guías ou moderadores dos faladoiros ou conversas abertas ao público que se desenvolverán ao longo do mes de abril 2016 baixo o título ‘A diversidade, unha aposta pola ecoloxía das culturas’.
A apertura á participación social e, nomeadamente, o establecemento de mecanismos que favorezan a implicación do estudantado universitario no propio deseño do espazo experimental do Máster, constitúen dúas das características máis salientables do CulturaLab 2016, unha edición na que se pretende traballar o eixo das diversidades culturais e de saberes do mundo.
O ciclo de conversas do CulturaLab do Máster de Servizos Culturais da USC constitúe un programa que reivindica a conversa como unha forma máis de aprendizaxe. As sesións programadas ao abeiro desta iniciativa terán unha duración de dúas horas, onde o mediador da conversa, unha persoa, que destaque polo seu know how encargarase de dinamizar a sesión ou tema de debate. As sesións desenvolveranse en abril de 2016 na Casa do Saber de Lugo, e serán abertas para o público en xeral coa pretensión de abrir a USC a outros espazos da cidade de Lugo.
Xesús Ron, galardoado co Premio Nacional de Teatro co grupo Chevere; a artista multimedia Beka Iglesias, a activista e pensadora Lucía Castro, e Man Hauser, coordinador do Alg-Lab, foron algúns dos relatores convidados a intervir na primeira edición do ciclo de conversas do CulturaLab do Máster en Servizos Culturais da USC. Nesta segunda edición, o propio alumnado, a través dunha Open Call, será o que decidirá a relación das persoas conversadoras. Desta maneira aspírase a que o propio alumnado tome decisións e sexa quen de determinar que bases guiarán esa open call, así como os parámetros que dirimirán quen resulta seleccionado.
Esta proposta bottom up contará coa mediación e a coordinación en mans de Fran Quiroga, experto en innovación e cultura, que vén de ser galardoado co Premio Emprende Gaiás-Sixto Seco, outorgado pola Cidade da Cultura, polo proxecto Kolectiv, unha consultoría especializada na innovación e na cultura.
O CulturaLab do Máster de Servizos Culturais ten asemade nesta segunda edición o apoio do CampusCulturae, unha aposta da USCa prol das culturas do mundo, do entendemento multicultural e do fomento da diversidade e o pluralismo, e que conta con financiamento da Unión europea.