Skip to main content

A Fundación USC Deportiva organizará en maio un curso de iniciación ao running e técnica de carreira en Lugo

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
As persoas interesadas en participar nesta actividade, que se desenvolverá do 9 ao 27 de maio, poden inscribirse na web www.fundacionuscdeportiva.org

A Fundación USC Deportiva celebrará do 9 ao 27 de maio un curso de iniciación ao running e técnica de carreira en Lugo. Esta nova actividade promovida pola Fundación USC Deportiva xurde en resposta ao crecente tirón experimentado nos últimos anos polas carreiras populares, que cada vez teñen máis participantes. Algúns son atletas profesionais ou federados, pero a maior parte da xente que participa nestas carreiras son afeccionados ao deporte sen ningunha formación deportiva ou preparación específica.

Os alumnos e alumnas participantes neste curso organizado pola Fundación USC Deportiva e no que colaboran o Servizo de Deportes da USC e o Concello de Lugo, adquirirán coñecementos sobre o adestramento e a adecuada práctica deportiva dos corredores. Esta formación está orientada ás carreiras populares de entre 5 e 12 km e á súa preparación, así como métodos de adestramento, técnicas de carreira e adestramento. O curso, destinado a corredores noveis maiores de 16 anos, dividirase nun bloque teórico e outro práctico, de 6 horas cada un. O bloque teórico terá lugar os días 9 e 13 de maio e o práctico, o 18, 20, 25 e 27 do mesmo mes. As distintas sesións programadas serán impartidas por Xavier Castro e Carlos Villamor, dúas persoas especializadas no adestramento deportivo e no atletismo. As persoas interesados en participar nesta actividade poden formalizar xa a súa inscrición a través da páxina web www.fundacionuscdeportiva.org, onde tamén se ofrece máis información sobre esta e outras das actividades promovidas pola Fundación USC Deportiva. O prezo do curso é de 90 € e as prazas son limitadas (máximo 20 participantes), polo que se recomenda realizar a reserva de praza o antes posible xa que se respectará rigorosamente a orde de inscrición para a súa adxudicación.

The contents of this page were updated on 03.22.2016.