A exposición ‘Premios María Josefa Wonenburger Planells’ amosa contribucións científicas e técnicas de mulleres galegas na Biblioteca Intercentros

A Biblioteca Intercentros do campus de Lugo de Lugo amosa ata o vindeiro 7 de abril a exposición ‘Premios María Josefa Wonnenburger Planells. Unidade de Muller e Ciencia’, unha mostra itinerante organizada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia en colaboración coas oficinas de Igualdade de Xénero das tres universidades galegas e a través da que se pretende reivindicar o cometido da muller galega en todos os ámbitos.
A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez; a secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, e a subdirectora xeral de Igualdade, Pilar García-Rodeja, inauguraron este xoves no campus de Lugo esta mostra, de carácter itinerante e que chega ao campus de Lugo procedente da Universidade da Coruña. Despois do 7 de abril, esta exposición viaxará ao campus de Ferrol para logo permanecer exposta no compostelán Colexio de Fonseca, onde rematará, na segunda metade de xuño, o seu periplo polas tres universidades galegas. Estruturada en once paneis de gran tamaño, a exposición ‘Premios María Josefa Wonenburger Planells. Unidade de Muller e Ciencia’ ofrece ao visitante información biográfica e tamén da súa traxectoria profesional sobre as diferentes mulleres que foron distinguidas cos premios María Josefa Wonenburger Planells desde a creación deste galardón en 2007. O Premio María Wonenburger recoñeceu na súa primeira edición a Inmaculada Paz Andrade, referente en Microcalorimetría, para logo, en anos posteriores distinguir o traballo doutras nove mulleres, entre as que figuran María Teresa Miras Portugal, María Soengas González, Carmen Navarro Fernández-Balbuena, Ofelia Rey Castelao, María Tarsy Carballas, María José Alonso, Carmen García Mateo e Isabel Aguirre.