Un estudante de Medicina investigará o risco cardiovascular da comunidade Sami nunha expedición a Laponia

O estudante de cuarto curso de Medicina da Universidade de Santiago Aarón Martínez participará desde este sábado 19 na expedición Polar Raid Universitario Laponia 2016 cun proxecto de investigación sobre o risco cardiovascular da comunidade Sami, pobo indíxena da Laponia.
O Polar Raid Universitario Laponia, organizado pola Asociación Rexións Polares e Universia, atravesará por equipos e en vehículo a Laponia finlandesa e norueguesa ata alcanzar o mítico Cabo Norte (Noruega). O proxecto ten como principal obxectivo mostrar a realidade medioambiental e cultural das rexións polares e subpolares do planeta a través de expedicións dirixidas á comunidade universitaria.
A aventura en Laponia terá lugar no círculo polar ártico deste este sábado ao 27 de marzo, coincidindo coas vacacións de Semana Santa, e nela participan 100 expedicionarios –alumnado de grao, mestrado, doutorandos, docentes e persoal investigador – procedentes de 25 universidades (23 españolas e 2 internacionais).
Aarón Martínez estudou en San Francisco (California) e Malmö (Suecia), onde realizou o bacharelato internacional. Este ano obtivo a prestixiosa bolsa de investigación da Asociación Española Contra o Cancro coa que durante dous meses estudou no Grupo de Oncoloxía Médica Traslacional do Instituto de Investigación Biosanitaria de Santiago a relación da metástase e as plaquetas. En concreto, para a súa investigación en Laponia partirá da hipótese de que na zona norte de Europa existe un maior risco cardiovascular que no sur. Para iso, estudará os hábitos de vida da comunidade Sami (alimentación, actividades, etc...) e analizará o risco cardiovascular asociado.
A Polar Raid
Ao longo das diferentes xornadas da expedición as persoas participantes practicarán técnicas básicas de supervivencia en neve, pesca sobre lagos e ríos xeados, rutas nocturnas con raquetas e observación de auroras boreais. Tamén realizarán visitas a museos e institucións e participarán en conferencias específicas para coñecer en profundidade a cultura e forma de vida do poblo nativo dos Sami.
Ademais, a expedición establecerá por segundo ano consecutivo un campamento polar na illa de Magerøya (Noruega) a 71º Norte no que terán a oportunidade de coñecer múltiples técnicas de exploración en rexións polares. Finalmente, se as condicións climatolóxicas o permiten, a expedición chegará a Cabo Norte o 24 de marzo.