A EU-LAC Foundation publica un traballo de investigadores da USC sobre o comercio intra-industrial entre a UE e América Latina

A EU-LAC Foundation, da que forman parte máis de 60 países de Europa, América Latina e o Caribe, acaba de publicar un libro cos resultados dun estudo que coordinan investigadores do grupo en Innovación, Cambio Estrutural e Desenvolvemento da USC (ICEDE). Esta é unha proposta realizada en colaboración con investigadores da Universidade Autónoma de Chiapas (México) e da Universidade do Mar (México) que resultou o único proxecto gañador da convocatoria aberta competitiva de 2014.
A publicación leva por título Avances en el patrón de comercio intra-industrial entre la Unión Europea y América Latina: los casos de Brasil y México, dispoñoble na web da Fundación tanto en inglés como en castelán, estando dispoñible tamén en versión impresa. O equipo que realizou o estudo fórmano os investigadores da USC Óscar Rodil Marzábal e Carmela Sánchez Carreira, así como os investigadores Jorge Alberto López Arévalo (UNACH-México) e Emmanuel Arrazola Ovando (UMAR-México).
O traballo aborda a análise das relacións comerciais e produtivas entre a Unión Europea e América Latina xunto un exame detallado das relacións de Brasil e México cos seus principais socios europeos (Alemaña, España, Francia, Italia, Reino Unido ou Países Baixos). A finalidade foi estudar os cambios ocorridos no patrón de comercio intra-industrial entre a UE e os países de América Latina e o Caribe ao longo das dúas últimas décadas.