Skip to main content

A comisión executiva da Conferencia Estatal de Defensores Universitarios reúnese en Santiago

O reitor da USC, Juan Viaño, cos membros da comisión executiva da Conferencia Estatal de Defensores Universitarios
O reitor da USC, Juan Viaño, cos membros da comisión executiva da Conferencia Estatal de Defensores Universitarios

A Universidade de Santiago acolle estes días unha reunión ordinaria da comisión executiva da Conferencia Estatal de Defensores Universitarios (CEDU), integrada por once defensores e defensoras e da que forma parte o Valedor da Comunidade Universitaria da USC, o profesor Miguel Alcaraz García.

Entre outros temas, abordan a problemática derivada da extinción de planos de estudo, a creación da Rede Iberoamericana de Defensores Universitarios (RIDU) na que a CEDU está a xogar un imporante papel ou o desenvolvemento do XIX encontro estatal de Defensores Universitarios que se celebrará na Universidade de Córdoba o vindeiro mes de outubro.

O reitor Juan Viaño recibiu os valedores na tarde do xoves na Casa da Concha, sede da Oficina do Valedor da USC e lugar onde se desenvolve a xuntanza. No encontro cos responsables universitarios Viaño puxo en valor a institución dos defensores, non só como garantes do exercicio dos dereitos e liberdades da comunidade universitaria senón como peza fundamental en calquera equipo de goberno. “Son os que detectan os problemas máis detallados e achegan unha visión sempre interesante para a súa solución”, recoñeceu.

Segundo manifestou Viaño, é “fundamental” establecer “sempre” mecanismos de colaboración que permitan conseguir retos como, por exemplo, desenvolver o Estatuto do Estudante Universitario e actualizar “documentos do século pasado como o réxime de infraccións e sancións”. “Pero tamén –d íxolles– é importante que traballedes con nós para mellorar os procesos e procedementos, os mecanismos de reclamación ou a calidade da docencia”.

Na reunión en Santiago participan, ademais do compostelán, os valedores das Universidades de Murcia, José Manuel Palazón Espinosa; Estremadura, Vidal Luis Mateos Masa; Rey Juan Carlos, Elena Battaner Moro; Cantabria, Angel Cobo Ortega; Córdoba, Carmen Jiménez Salcedo; Europea de Madrid, Elia Cambón Crespo; Las Palmas de Gran Canaria, Francisco Ortega Santana; País Vasco, Itziar Etxebarría Bilbao; Girona, Joan Manuel del Pozo Álvarez; e Cádiz, María Acale Sánchez.

The contents of this page were updated on 06.17.2016.