Analizan nun congreso internacional novas formas de traballar propiciadas polas novas tecnoloxías
O avance das tecnoloxías da comunicación e a cada vez maior superación do vello modelo produtivo do traballo presencial fai xurdir unha morea de anovadas formas de traballar. Precisamente sobre estas ferramentas e modelos e a súa aplicación, a área de Dereito do Traballo da USC organizará en abril un congreso internacional no que se analicen en detalle termos novos como ‘sharing economy’ ou ‘uberización’ do traballo, novas formas de traballo colectivo xunto ás que emerxen outras que se adaptan mellor ao novo emprendedor individual dixital como son o ICT mobile work, casual work, voucher based work ou o portafolio work.
Para valorar estas novas tecnoloxías que dan lugar a novas relacións laborais, o uso das redes sociais, os novos medios de proba electrónica, a conciliación ou o teletraballo, entre moitas outras cuestións, durante os días 14 e 15 de abril especialistas de Reino Unido, Francia, Alemaña, Italia, Polonia, Arxentina e España reuniranse en Santiago no Congreso Internacional ‘Novas tecnoloxías e novas formas de traballar no dereito español e comparado? Renovarse ou Morrer’. A inscrición no encontro rematará o 31 de marzo.