Skip to main content

A Rede Panlatina de Terminoloxía celebra a súa xornada científica anual en Compostela

De dereita a esquerda, Núñez Singala, Valentín García, Carme Silva e Teresa Zanola (Foto: SERVIMAV-USC)
De dereita a esquerda, Núñez Singala, Valentín García, Carme Silva e Teresa Zanola (Foto: SERVIMAV-USC)

A xornada científica que a Rede Panlatina de Terminoloxía (Realiter) celebra anualmente desenvólvese este ano en Santiago de Compostela co lema ‘Terminoloxía e normalización’. A USC participa na rede a través do seu Servizo de Normalización Lingüística que asumiu a organización deste edición, a celebrar este xoves no Consello da Cultura Galega, onde ademais o venres terá lugar a reunión do comité de Realiter e a Asemblea Xeral da rede.

A vicerreitora de Servizos do Campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, presidiu a sesión inaugural na que tamén interviñeron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; a secretaria xeral de Realiter, M. Teresa Zanola; e o director do Servizo de Normalización Lingüística, Manuel Núñez Singala. Entre as distintas quendas de intervencións programadas inclúese unha táboa redonda dedicada especificamente á terminoloxía en Galicia.

O obxectivo de Realiter é a promoción da terminoloxía nas linguas neolatinas, poñendo de relevo a necesidade de manter o estudo e a creación de terminoloxía en todas as linguas, “as únicas garantías e as únicas testemuñas das diferentes conceptualizacións e da riqueza dos diferentes enfoques dos obxectos científicos e técnicos”. Neste senso, os integrantes da rede alentan a promoción da diversidade lingüística en todos os eidos, nomeadamente no ensino, as relacións coa sociedade, a investigación e a publicación dos resultados nas linguas neolatinas.

En Realiter atópanse representados institucións, universidades e especialistas procedentes de Arxentina, Bélxica, Brasil, Canadá, Colombia, Grecia, Italia, Líbano, México, Perú, Portugal, República de Moldavia, Romanía e Uruguai, ademais de España.

The contents of this page were updated on 06.08.2016.