Skip to main content

O Campus Terra da USC organiza obradoiros abertos e sesións de divulgación co gallo do Día Internacional da Impresión 3D

Cartaz do 3DPrinting Day
Cartaz do 3DPrinting Day
O programa de actividades deseñado desenvolverase o xoves 1 de decembro na Escola Politécnica Superior. A inscrición nos obradoiros programados é gratuíta e está aberta

A Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC celebrará o xoves 1 de decembro diversos obradoiros prácticos e sesión divulgativas co gallo do Día Internacional da Impresión 3D. As actividades organizadas no centro universitario lugués co gallo desta efeméride prolongaranse en quenda de mañá e tarde, de 11.00 a 20.00 horas, e son de acceso libre e de balde para os membros da comunidade universitaria e tamén para todo o público interesado.

O programa de actos deseñado polo 3DPrinting Day está promovido polo equipo de dirección da EPS e o programa A Ponte do campus de Lugo, e contará coa participación dos profesores Rosana Guerra Pestonit, Patricia Tato Sánchez del Valle, Miguel Ángel González García e os tamén docentes e investigadores Mariluz Gil Docampo e Juan Ortiz Sanz, do grupo USCAN 3D da USC. O obxectivo destas actividades, que se desenvolverán na entrada do edificio da ampliación da EPS, a carón da cafetería universitaria, é o de achegar a todo o mundo a tecnoloxía da impresión en 3D, ademais de dar a coñecer as súas múltiples aplicacións e utilidades a toda a poboación interesada, tal e como indicaron os promotores do 3DPrinting Day, que adiantaron que todas as persoas que participen nos actos programados recibirán como agasallo un suxeitacables impreso en 3D. As persoas que se acheguen ata a Escola Politécnica Superior para participar no programa de actos organizado co gallo do 3DPrinting Day poderán ver en directo como traballan as impresoras 3D, ademais de recibir ampla información respecto das aplicacións prácticas da impresión 3D para a docencia e a investigación, así como para o desenvolvemento da actividade profesional de todas as titulacións que oferta USC nos centros no seu Campus Terra. A quenda de relatorios previsto no marco desta xornada comezará ás 11.30 horas, cunha intervención de Rosana Guerra, que fará unha introdución á realidade da impresión en tres dimensións. De seguido, Eva Valle, da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo, guiará unha sesión baixo o título ‘Qué é un FAB-LAB?’. O modelado 3D centrará a temática das charlas que ofrecerá o profesor e director do proxecto D3Mobile, Juan Ortiz, a partir das 13.00 horas. De xeito parello á celebración das sesión divulgativas, o escenario no que se desenvolverán as actividades organizadas polo 3DPrinting Day, acubillarán tamén dous obradoiros. O primeiro dos talleres programados, que leva por título ‘Unha ferramenta de control: Introdución práctica a Arduino’, comezará ás 10.30 horas e estará guiado polo profesor Miguel Ángel González García. As prazas son limitadas e persoas interesadas en tomar parte nesta actividade deben formalizar a súa inscrición a través do enderezo de correo electrónico miguelangel.gonzalez [at] usc.es (miguelangel[dot]gonzalez[at]usc[dot]es). Xa en quenda de tarde, os profesores Francisco Javier López González, Rosana Guerra Pestonit e Juan Ortiz Sanz guiarán, a partir das 16.00 horas, o obradoiro ‘Modelado e impresión 3D’. A oferta de prazas para tomar parte nesta actividade de carácter práctico tamén é limitada e as persoas interesadas deben inscribirse de balde a través do enderezo de correo electrónico aponte.lugo [at] usc.es (aponte[dot]lugo[at]usc[dot]es).

The contents of this page were updated on 11.29.2016.