Skip to main content

A USC conmemora o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

No acto participaron a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, María Dolores Álvarez Pérez; a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella; e a concelleira de Igualdade,...
No acto participaron a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, María Dolores Álvarez Pérez; a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella; e a concelleira de Igualdade,...

Un ano máis, a Universidade de Santiago conmemorou o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres cun acto en San Xerome no que, ademais da lectura dun manifesto, se entregaron diversos premios que recoñecen o esforzo en materia de promoción da igualdade e de rexeitamento á violencia de xénero. No acto participaron a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, María Dolores Álvarez Pérez; a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella; e a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois González.

Comezou a cerimonia coa entrega dos premios do Certame de fotografía Ruth Matilda Anderson, que na súa cuarta edición gañou Uxía Vázquez Suárez polo traballo ‘Esta loita tamén é túa’. O segundo premio foi para José Manuel Pérez Pena por ‘Faise así’ e o terceiro para Cristina Rueda Lesmes pola fotografía ‘Estudantes na Quintana’.

Introdución da Perspectiva de Xénero
Os Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero, seleccionados polo Instituto Europeo para a Igualdade de Xénero (EIGE) como unha das dez mellores boas prácticas de promoción da igualdade de xénero nas universidades e centros de investigación de entre máis de 50 de toda a Unión Europea, tamén se entregaron hoxe.

Nesta sétima edición, o primeiro premio correspondente á modalidade de experiencias docentes foi para o traballo ‘Introdución da Perspectiva de xénero na materia Historia Económica da España Contemporánea’ de María Pilar Freire Esparís. Na modalidade de investigacións con perspectiva de xénero, María Xosé Agra Romero fíxose co primeiro premio por ‘Escaping/Transgressing the Feminine: Bodies, Prisons and Weapons of Proximity’; o segundo foi para o traballo ‘Cara á comprensión do papel da insatisfacción corporal nas diferenzas de xénero en síntomas depresivos e alimentarios: Un estudo lonxitudinal durante a adolescencia’ de Carmen Senra Rivera, Fátima Ferreiro Díaz e Gloria Seoane Pesqueira; e o terceiro para ‘Consumo de tabaco e abandono espontáneo no primeiro trimestre do embarazo’ de Mª del Carmen Míguez Varela, Beatriz Pereira Méndez e Bárbara Figueiredo.

Tolerancia cero coa violencia de xénero
O acto continuou coa entrega dos premios do III Concurso de Lemas contra a Violencia de Xénero que organiza a USC. Nesta edición presentáronse 61 lemas -10 no Campus de Lugo e 51 no de Santiago- dos que se seleccionaron finalmente 6 gañadores.

Como peche dos actos conmemorativos, o profesor Fernando Lino Vázquez González, coordinador do grupo de investigación en Saúde Mental e Psicopatoloxía da USC, deu lectura ao Manifesto de rexeitamento á violencia de Xénero da USC, que esixe o compromiso de todas as institucións para erradicar a violencia de Xénero, “que non é un asunto privado senón un problema público e social”.

Dende a Universidade de Santiago, continúa o manifesto, “debemos e podemos contribuír na loita contra esta lacra. En primeiro lugar, no eido educativo debemos reforzar a formación nos principios fundamentais de respecto mutuo, de liberdade e de tolerancia coas diferenzas e promover as actitudes non discriminatorias e o dereito á igualdade; pero ademais no eido preventivo debemos desenvolver mecanismos de detección e de actuación fronte a condutas e actitudes significativas de discriminación por razón de xénero, e mesmo de violencia machista en todas as súas variantes, que se poidan producir dentro e fóra da institución”.

Foto de grupo das persoas gañadoras do Certame de fotografía Ruth Matilda Anderson posando coas autoridades (Foto: Santi Alvite) As gañadoras dos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na súa sétima edición posan coas autoridades (Foto: Santi Alvite) As gañadoras e gañadores dos premios do III Concurso de Lemas contra a Violencia de Xénero posan coas autoridades (Foto: Santi Alvite) Cartel cos lemas gañadores (Foto: Santi Alvite)

The contents of this page were updated on 11.25.2016.