Skip to main content

A USC estuda cómo monitorizar os consumos para mellorar a súa eficiencia enerxética

O grupo do proxecto Life–OPERE que se reuniu estes días no Instituto de Investigacións Tecnolóxicas (Foto: SERVIMAV-USC)
O grupo do proxecto Life–OPERE que se reuniu estes días no Instituto de Investigacións Tecnolóxicas (Foto: SERVIMAV-USC)
O proxecto Life–OPERE analiza o deseño do sistema de monitorización enerxética dos edificios do Campus Vida

O proxecto Life–OPERE do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC reuniu esta semana en Santiago un panel de especialistas coa fin de optimizar os traballos realizados no deseño e desenvolvemento da rede de sensores e no sistema de monitorización dos edificios do Campus Vida, creando así a contorna dixital axeitada para unha xestión enerxética eficiente.

A optimización da smart grid e do sistema de monitorización permitirá aumentar o nivel de fiabilidade e calidade do subministro enerxético, reducir o consumo eléctrico e mellorar o funcionamento do sistema global (xestión activa da demanda), contribuíndo a una maior eficiencia enerxética e á redución das emisións de CO 2. Desta maneira o proxecto OPERE cumpre coa estratexia Europa 2020 en materia enerxética, que busca a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro nun 20%, a mellora da eficiencia enerxética nun 20% e incrementar o uso de enerxías renovables nun 20% .

Life–OPERE, que estableceu o Monte da Condesa como planta piloto do estudo, ten como obxectivo a implantación de sistemas de xestión eficiente en redes enerxéticas, tanto térmicas como eléctricas, en complexos da USC caracterizados por grandes consumos de enerxía. A meta é conseguir unha redución dun 30% nos consumos enerxéticos asociados á xeración térmica e dun 35% nas emisións de gases de efecto, así como obter un 35% de aforro económico. Como resultado final, obterase un sistema de xestión de redes enerxéticas modular e facilmente replicable noutros centros da USC.

Na xuntanza en Santiago participaron os responsables das áreas de Xestión de Infraestruturas e TIC da USC, os da xestión de edificios de grandes consumos do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela e do Hospital Universitario Lucus Augusti, e persoal da área de xestión enerxética da empresa CLECE. Ademais, o Centro Tecnolóxico Energylab –s ocio do proxecto–, a enxeñaría Coinges e a empresa Smart Green Labs do Grupo Itelsis deron a coñecer os últimos avances nesta materia á vez que contrastaron a súa aplicación nas instalacións da USC.

Do proxecto, obterase un sistema de xestión de redes enerxéticas modular e facilmente replicable noutros centros da USC (Foto: SERVIMAV-USC)

The contents of this page were updated on 11.24.2016.