Colectivos clínicos de Galicia e España visitan a Unidade Mixta USC-Esteve para o descubrimento de fármacos contra a dor crónica

Representantes de agrupacións clínicas de reumatoloxía, rehabilitación e medicina física, traumatoloxía, anestesioloxía ou medicina de atención primaria visitaron a Unidade Mixta USC-Esteve dedicada ao estudo da dor crónica. Neste encontro puideron coñecer de primeira man cuestións como a tecnoloxía de última xeración dispoñible na Unidade que coordina o grupo BioFarma, así como os distintos tipos de ensaio clínico, áreas de traballo, recursos humanos ou prazos de execución.
A coordinadora da Unidade, a catedrática Mabel Loza, deixou constancia na visita do enfoque práctico e traslacional do labor realizado, así como das diferentes vías de colaboración e o importante impacto social e económico deste laboratorio, referente en España no estudo da dor crónica.
Balance
A alianza USC-Esteve co nexo común de BioFarma supón un salto cualitativo nunha colaboración de máis de dez anos que, como explicou a profesora Loza, “vai máis alá da mera prestación de servizos, ata agora financiados pola industria, e busca optimizar o coñecemento de ambas partes para co desenvolver estudos e ensaios na área da dor”. Logo de dous anos de funcionamento “facemos un balance moi positivo porque conseguimos liderar en España a investigación no campo da dor”, engadiu a investigadora. Na actualidade a Unidade ten desenvolvido novas metodoloxías que permitiron analizar máis de 3.500 compostos orixinais nun amplo panel de dianas implicadas no tratamento da dor, ademais de posibilitar a creación de emprego cualificado cun total de once postos de traballo xerados ata o momento en Galicia, como lembra a doutora Loza.
As actividades tanto da USC como de Esteve son complementarias en descubrimento temperá de fármacos: a USC achega o coñecemento en investigación farmacolóxica aplicada ao desenvolvemento de novos ensaios in vitro e contribúe tamén coa obtención de reactivo biolóxico para ensaios in vitro, así como cos estudos de caracterización farmacolóxica no laboratorio dos novos compostos. Pola súa banda, Esteve pon o foco no coñecemento para a aplicación terapéutica da dor, os ensaios in vivo, a farmacoloxía en condicións regulatorias e o deseño e síntese de novos compostos.
Segundo datos da OMS, a dor persistente é un dos motivos de consulta máis frecuente en atención primaria, tanto en Europa como en América, Asia e África e afecta ao 22% da poboación. A estimación dos organismos especializados é de que un de cada cinco adultos sufre dor persistente. Como explica Mabel Loza, “afecta á maioría da poboación nalgún momento da súa vida”. A investigadora identifica tres grandes grupos de causas: o da osteoartrose e a artrite reumatoide, as cirurxías e lesións e os problemas medulares. Outras causas frecuentes son as migrañas, neuropatía diabética, transtornos neurolóxicos ou infartos. Para a docente, “constitúe un problema médico e de saúde pública mundial de primeira magnitude tanto pola súa prevalencia como polos custes económicos, sociais e psicolóxicos asociados”.
“Con este pioneiro modelo de cooperación empresa-ciencia xuntamos talento, recursos, instalacións, infraestruturas e tecnoloxías, cunha capacidade dificilmente alcanzable en solitario”, destaca Mabel Loza.