Skip to main content

Comeza a túa viaxe emprendedora con RedEmprendia BoosterWE e a Universidade de Santiago

Este programa de axudas ao emprendemento en América Latina, España e Portugal ofrece un total de 112 prazas na actual edición

O programa BoosterWE de RedEmprendia abre a súa convocatoria para apoiar a creación de novas empresas por membros da comunidade universitaria de América Latina, España e Portugal. Creado por RedEmprendia, a rede das universidades emprendedoras, e co soporte de Fomin-BID e Banco Santander -a través de Santander Universidades-, BoosterWE ofrece a quen teña interese en emprender unha experiencia internacional única coa que adquirir e mellorar os seus coñecementos en xestión empresarial, liderado e novos mercados.

Os emprendedores e emprendedoras da Universidade de Santiago poderán participar na ‘escola de negocios en vivo’ de BoosterWE, un programa que fomenta a aprendizaxe práctica a través de estancias -de entre un e tres meses de duración- en empresas innovadoras de éxito da rexión iberoamericana. Cada participante beneficiarase dunha bolsa de ata 6.000 euros para cubrir os gastos de viaxe, aloxamento e seguros. O programa oferta un total de 112 prazas nesta edición.

O programa ofrece unha inmersión total nas dinámicas de xestión e dirección dunha empresa, poñendo a disposición dos seus participantes os coñecementos de responsables de éxito que traballan en sectores complementarios ao do seu proxecto empresarial.

Apoiar o talento das mulleres
RedEmprendia aposta ademais con BoosterWE por favorecer a incorporación da muller ao emprendemento de base científica e tecnolóxica. Para iso, e coa colaboración do Fondo Multilateral de Investimentos do Banco Interamericano de Desenvolvemento (FOMIN-BID), nesta edición as mulleres con fillos e fillas menores de 4 anos que participen no programa poderán optar a unha axuda adicional de ata 1.500 euros para permitirlles viaxar coa súa familia.

Por outra banda, destinaranse 15.000 euros para premiar os 5 mellores proxectos emprendedores liderados por mulleres e levar as súas promotoras a WeXchange, o maior evento dedicado ao emprendemento feminino en Latinoamérica e o Caribe.

Inscricións ata o 15 de xullo
O prazo de inscrición no programa está aberto ata o vindeiro 15 de xullo, e para participar tan só é necesario rexistrarse no web de RedEmprendia e cubrir o formulario correspondente na páxina de BoosterWE.

Poden presentar a súa candidatura os universitarios e universitarias que cumpran dous requisitos: contar cun proxecto empresarial ou cunha empresa xa constituída (sempre que esta non teña máis de 1 ano de vida) e pertencer á USC ou a calquera das 28 universidades que forman parte de RedEmprendia xa sexa como estudante de grao ou posgrao, investigador/a, docente ou graduados/as recentes.

The contents of this page were updated on 06.02.2016.