Skip to main content

O LaboraTe da USC crea o Premio Rafael Crecente para recoñecer iniciativas innovadoras de xestión territorial en Galicia

O coordinador do LaboraTe da USC, David Miranda, na presentación do acto de homenaxe a Rafael Crecente na Escola Politécnica Superior
O coordinador do LaboraTe da USC, David Miranda, na presentación do acto de homenaxe a Rafael Crecente na Escola Politécnica Superior
Autoridades académicas e políticas, ademais de familia e amigos, participaron na Escola Politécnica Superior de de Lugo nunha homenaxe a Rafael Crecente Maseda

O Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da USC crea o Premio “Rafael Crecente” de Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial, segundo adiantou o coordinador do LaboraTE, David Miranda Barrós, no concorrido acto de homenaxe ao fundador de deste grupo de investigación falecido o ano pasado.

O Premio Rafael Crecente está dirixido a alumnos/as universitarios/as (egresados) que rematasen a súa formación (grao/máster) en calquera titulación nos últimos cinco anos. A dotación deste galardón consistirá, ademais do correspondente diploma de recoñecemento, nun contrato laboral de 6 meses no Laboratorio do Territorio da USC para integrarse en proxectos de investigación-acción relacionados coa xestión territorial. “Reforzamos así”, explicou o coordinador do LaboraTE, “o compromiso iniciado por Rafa cos alumnos egresados para que se integren no mundo da investigación-acción”. Neste mesmo senso, o arquitecto e irmán do homenaxeado, Mario Crecente incidiu en que o Premio Rafa Crecente ten como obxectivo impulsar o desenvolvemento de ideas pioneiras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente, a mellora da produción agraria nun senso amplo e a contribución á xestión territorial sostible . Para elo, contarase cunha comisión de selección composta por expertos nesta materia procedentes da Universidade, Administración e do sector privado. A primeira convocatoria do premio Rafael Crecente sairá a comezos do próximo curso e abrirase un prazo de presentación de candidaturas ata febreiro de 2017. O galardón fallarase a finais de maio, para en xuño realizar o correspondente acto de entrega do premio. A incorporación da persoa gañadora levarase a cabo en setembro. Sentida e ampla homenaxe O salón de actos da Escola Politécnica Superior de Lugo quedouse pequeno para acoller a homenaxe tributada este venres ao profesor e experto en xestión territorial Rafael Crecente Maseda, un acto que citou preto de 200 persoas e no que participou como relator o ex Director Xeral de Agricultura e ex Director Xeral de Investigación da Unión Europea, José Manuel Silva Rodríguez. Unha ampla representación da comunidade universitaria luguesa, entre docentes, investigadores e alumnos, ademais de familiares e amigos do homenaxeado, apoiaron coa súa presenza a celebración desta homenaxe, á que tamén acudiu a conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez; o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno; o profesor e ex reitor da USC Juan Casares, e, entre outros, o senador por Lugo Joaquín García Díez. No evento expúxose un breve resumo da biografía e traxectoria profesional do homenaxeado. Neste senso, David Miranda, non dubidou en recoñecer que “Rafael Crecente era considerado como un dos grandes expertos en xestión territorial de Galicia”. Rafael Crecente foi profesor titular do Departamento de Exeñaría Agroforestal da Escola Politécnica, e o seu labor estivo vinculado coa investigación, sendo director do Laboratorio do Territorio e coordinador do Sistema de Información Territorial (SIT). Asemade, participou activamente como investigador en países de Latinoamérica, fundamentalmente en Ecuador -lugar no que impulsou un programa de colaboración-, así como en convenios con países de Europa central e do leste. Tamén foi consultor da oficina rexional da FAO en Budapest e profesor invitado na Universidade de Múnich.

O encontro, que destacou polo seu carácter emotivo e didáctico, rematou cunha clausura na que os asistentes recibiron unha publicación dos traballos de terceiro e cuarto ano do Máster en Xestión Sostible da Terra e do Territorio, do que era coordinador o profesor Crecente. O prólogo desta edición corresponde a Inés Santé, actual directora do Instituto de Estudos do Territorio (IET); organismo autónomo da Xunta de Galicia, adscrito á Consellería de Medio Ambiente, e que ten entre outros cometidos a realización de estudos e actividades de planificación para avanzar cara ao equilibrio entre o mellor aproveitamento de recursos naturais de Galicia e a correcta conservación dos elementos definitorios do país.

The contents of this page were updated on 06.03.2016.