Skip to main content

Banda Crebinsky pecha este xoves a programación musical do Lubicán 2016 cun concerto na Praza de Santa María

Banda Crebinsky, nunha actuación
Banda Crebinsky, nunha actuación
A actuación comezará ás 21.00 horas e a entrada é libre de balde para todo o público

A Banda Crebinsky, unha pequena orquestra popular xurdida dun universo imaxinario fuxida do filme Crebinsky, pechará este xoves, a partir das 21.00 horas, a programación musical do Lubicán 2016, un ciclo organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural e no que participan USC, Deputación e Concello de Lugo, cun concerto na luguesa Praza de Santa María, onde a formación galega presentará algunhas das creacións que incluirá no seu novo traballo, ao tempo que interpretará outros temas do seu repertorio.

Os integrantes da Banda Crebinsky teñen unha ampla bagaxe musical e unha gran capacidade de integración das súas experiencias e estilos persoais, dende o klezmer ou o folk, rock , música clásica ou experimental. No 2010 sacan o seu primeiro disco titulado Banda Crebinsky, cos temas da B.S.O. composta por Pablo Pérez Sanmamed do filme Crebinsky, dirixida por Enrique Otero. A partir dese momento comezan a ofrecer concertos en diversos formatos e comezan tamén a recibir diversos premios, ademais de nomeamentos aos Premios da Música Independente ou, entre outros, aos ‘Mestre Mateo’. Dous anos despois de sacar á luz o seu primeiro traballo, Banda Crebinsky publica o seu segundo disco ‘Jet lag’, no que a formación galega opta por un son máis ecléctico e directo. Este disco de 50 minutos contén 12 temas, nos que mestura temas cantados e instrumentais. Banda Crebinsky incorpora no 2014 ao cantante/actor Sergio Zearreta, co que xa colaboraran antes e que pasa a integrar a relación de compoñentes dunha formación da que tamén forman parte Vadmin Yukhnévich (voz e baián), Fernando Abreu (clarinete, mandolina e voz), Xacobe Lamas (violín), Enrique Otero (teclados e voz), Pablo Carrera (guitarra e voz), Pablo Pérez Sanmamed (composición e contrabaixo) e Miguel Queixas (batería).

The contents of this page were updated on 06.08.2016.