Skip to main content

Novos polímeros deseñados na USC exploran a súa aplicación en terapia xénica

Javier Montenegro, investigador da USC (Foto: Andrés Ruiz)
Javier Montenegro, investigador da USC (Foto: Andrés Ruiz)
O método descrito constitúe un modelo para o futuro descubrimento de novos materiais funcionais poliméricos con importantes aplicacións biolóxicas

Científicos do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC e da Universidade de Birmingham desenvolven un novo e rápido método de síntese para o transporte de ADN a través das bicapas lipídicas da membrana celular.

Moitos dos obxectos que nos rodean non existirían como os coñecemos de no ser polos polímeros, moléculas de gran tamaño protagonistas de numerosos procesos biolóxicos. A estrutura dos materiais poliméricos está composta por unidades repetitivas que almacenan información codificada sobre a súa composición química, o que facilita que poidan ser utilizadas como modelo para imitar distintas funcións biolóxicas.

Con este propósito, un equipo de científicos liderado polo investigador ERC do CiQUS da USC Javier Montenegro, en colaboración con Fernández-Trillo (Universidade de Birmingham) presenta un novo traballo que describe a modificación dunha librería polimérica para a activación dun polímero destinado ao transporte de nucleótidos a través da membrana celular. A principal singularidade deste novo protocolo –coñecido como in situ- ´reside en que a activación do polímero se realiza a través de reaccións químicas dinámicas en condicións fisiolóxicas (é dicir, en presenza de auga), non requirindo os produtos finais de purificación.

Servíndose desta metodoloxía, os investigadores conseguiron activar os polímeros destinados ao transporte de ADN a través de bicapas lipídicas de maneira moi rápida, obtendo un comportamento en membranas modelo que resultará determinante na posta en marcha dos ensaios iniciais en membranas celulares reais para o transporte de ARN interferente.

Os resultados do traballo, destacado na portada da revista Angewandte Chemie, revelan este novo mecanismo de síntese como unha sorte de ‘terapia xénica’ que permite a transmisión de material xenético para a desactivación da síntese da proteína seleccionada. Por outra banda, os polímeros desenvolvidos non mostraron toxicidade en células HeLa humanas, o que senta as bases para aplicar esta tecnoloxía no ámbito da detección masiva de polímeros bioactivos en terapia xénica así como noutras áreas de interese biolóxico, como o desenvolvemento de polímeros antimicrobianos.

The contents of this page were updated on 06.09.2016.