Skip to main content

Obras imprescindibles sobre a representación do mundo árabe na literatura infantil e xuvenil

O Instituto de Ciencias da Educación e o grupo de Investigación LITER21 da USC, o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega desenvolven estes días en Santiago un curso sobre literatura infantil e xuvenil e representación do mundo árabe.

A xornada pretende informar sobre esa representación a partir das relacións texto-imaxe co obxectivo de salientar aquelas obras que se consideran imprescindibles para a formación lectora no ensino primario e secundario e así axudar á planificación da educación literaria e artística. Analizaranse así obras imprescindibles, con obradoiros literarios e artísticos e encontros con autores que representaron estes conflitos nas súas obras, como Marcos Calveiro e Fina Casalderrey.

Dirixido polas profesoras da USC Blanca-Ana Roig Rechou e Carmen Franco Vázquez, o encontro inaugurarase este venres 11 ás 19.00 horas no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (Rúa de San Roque, 2) nunha xornada na que haberá unha conferencia de Cláudia Sousa Pereira, a presentación de seis publicacións e unha charla de Ghaleb Jaber Martínez, director da Semana de Cine Euro-árabe AMAL, logo de visionar un fragmento do documental Reel bad Arabs: How Hollywood Vilifies a People e da curtametraxe Hiyab de Xavi Sala.

The contents of this page were updated on 11.10.2016.