Skip to main content

A USC, entre as universidades españolas máis transparentes segundo a Fundación Compromiso e Transparencia

A USC, entre as universidades españolas máis transparentes segundo a Fundación Compromiso e Transparencia
A USC, entre as universidades españolas máis transparentes segundo a Fundación Compromiso e Transparencia
A web da institución académica compostelá cumpre máis de 20 dos 26 indicadores avaliados no informe ‘Transparencia e bo goberno das universidades’ relativo a 2015

A USC figura entre no grupo de universidades públicas españolas máis transparentes, segundo se desprende do informe ‘Transparencia e bo goberno das universidades. Exame de transparencia 2015’, que vén de publicar a Fundación Compromiso e Transparencia) e no que se analiza o nivel de rendición de contas á sociedade que ofrecen a través das súas páxinas web institucionais as 49 universidades públicas españolas, así como 31 institucións académicas privadas.

A metodoloxía empregada pola Fundación Compromiso e Transparencia para a realización deste estudo e a posterior elaboración do seu ránking de transparencia universitaria contempla a información dispoñible nas páxinas web de cada institución relativa a nove indicadores xerais, tales como son: misión, plano estratéxico, persoal, goberno, oferta e demanda académica, claustro, alumnado, información económica e resultados (académicos, de I+D+i, empregabilidade, grao de internacionalización...) Trátase dunha metodoloxía voluntaria e flexible orientada a favorecer a rendición de contas por parte das universidades, un cometido no que xa teñen avanzado moito no último lustro as universidades públicas, que nesta quinta edición do Exame de transparencia acadaron un cumprimento medio do 78% nos 26 indicadores analizados e relativos ás diferentes áreas do funcionamento das institucións académicas. As universidades públicas semellan ter aprobado con notable alto este exame de transparencia, un proceso no que as institucións académicas de titularidade privada avanzan máis lentamente, aínda que tamén na dirección desexada. De feito, mentres no informe de 2012 se clasificaban como opacos todos os centros privados, na presente edición un 8% son transparentes e un 34%, translúcidos. Ademais, os centros privados acadaron por vez primeira este ano un 53% de cumprimento medios de todos os indicadores establecidos. Aínda así, cómpre salientar que o último informe da Fundación Compromiso e Transparencia clasifica como translúcidas 17 universidades públicas e 8 centros privados, mentres que outras 23 institucións académicas (8 universidades públicas e 15 privadas) están tipificadas de opacas neste ránking. A información sobre a misión e planos estratéxicos ten avanzado moito neste lustro tanto nas webs das institucións públicas como das privadas, que, sen embargo, son menos transparentes á hora de achegar datos relativos a persoal e á súa clasificación salarial. Os contidos referidos ao Goberno e ao seu labor son os que presentan un maior grao de cumprimento por parte das universidades, que tamén progresan adecuadamente no referido á difusión dos indicadores relativos a demanda e oferta académica, evolución do alumnado, datos económicos e presentación de balance de resultados.

The contents of this page were updated on 11.11.2016.