Skip to main content

Gorka Benítez Trío actúa este martes na Casa do Saber no marco do XXVI Festival de Jazz Lugo 2016’

Gorka Benítez Trío
Gorka Benítez Trío
O concerto comezará ás 20.00 horas e a entrada é libre e de balde ata completar aforo

O grupo Gorka Benítez Trío, unha formación liderada polo saxo tenor Gorka Benítez, considerado por moitos como o mellor contador de historias do panorama jazzístico nacional e unha das voces máis persoais e sólidas tamén no ámbito internacional, e da que tamén forman parte Dani Pérez (guitarra) e David Xirgu (batería), presenta este martes, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o seu último traballo, Gasteiz, no marco do XXVI Festival de Jazz Lugo 2016.

Neste último traballo a trío, Gorka Benítez dá un paso máis na propia arte, madurez creativa a base de honestidade, única na súa especie e, coma sempre, cun acentuado selo persoal. Cada unha das súas actuacións está marcada polo sutil material melódico e harmónico e, ademais, pola calmada introspección das liñas líricas. A música vai de suave a frenética, ás veces sobrepoñéndose aos dous extremos do espectro emocional.

A expresividade e a audaz dinámica do conmovedor Gorka son acompañadas á guitarra por un Dani Pérez demoledor, maxistral e brillante, sen concesións, e un David Xirgu único, sólido e propulsor, sempre capaz de engadir algo especial en cada momento. A súa música baséase na habilidade de comunicación directa, sen cesións á modernidade, nunha fusión intelixente de éxito e nun final aberto onde cada nota ten o seu significado concreto. Esta é, sen dúbida, unha das aventuras musicais máis extraordinarias do noso firmamento jazzístico. O concerto que ofrecerá en Lugo Gorka Benítez Trío, de entrada libre e de balde ata completar aforo, é froito da colaboración que manteñen a Asociación de Intérpretes e Executantes aienrutaJAZZ coa Asociación EscobiJAZZ de Lugo.

The contents of this page were updated on 11.14.2016.