Skip to main content

GenDR, da USC, gaña o Premio Emprendedores á mellor idea empresarial

Os emprendedores da USC Adrián Caamaño, Juan Vázquez, Ana Latorre e Olalla Maroñas acaban de recibir un novo recoñecemento pola súa idea empresarial Gen-DR dedicada a ofertar servizos de farmacoxenética, ou sexa, predición da resposta a fármacos e tratamentos mediante unha análise xenética do paciente que permite mellorar a asistencia sanitaria e reducir os gastos derivados.

Logo de ser a gañadora da última convocatoria do programa Argos e do Model2Market Universia da recente Spin2016, nesta ocasión recolleron en Madrid o premio á mellor idea empresarial que outorga a revista Emprendedores e que está dotado con 15.000 euros. Todos estes recoñecementos son “un impulso fundamental, porque é a validación por parte de axentes externos á universidade de que o noso proxecto é factible”, di Ana Latorre, que explica cómo dende o seu comezo hai un ano ata agora “ avanzamos moito nesa idea de converter o proxecto en empresa, cun plan de negocio xa moi perfilado”.

GenDR
GenDR emprega unha tecnoloxía de análise xenética que permite anticipar a reacción do organismo a un tratamento farmacolóxico, información que se pode utilizar á hora de tomar unha decisión sobre o medicamento máis idóneo.

O proxecto naceu co programa Argos da USC, que forma equipos universitarios multidisciplinares capaces de montar a súa propia idea de negocio. Neste caso, o equipo promotor incorpora as profesionais de farmacoxenética Ana Latorre e Olalla Maroñas, doutorandas en Biomedicina, e Juan Vázquez, licenciado en Medicina, e do ámbito da xestión, dirección e desenvolvemento de negocio como o economista Adrián Caamaño.

A actividade de GenDR diríxese a hospitais privados e servizos públicos de saúde que desexen mellorar a asistencia dos pacientes aplicando medicina personalizada, pero tamén a profesionais da área de biomedicina de grandes empresas farmacéuticas implicadas en ensaios clínicos xa que se precisa deses servizos para testar a efectividade real dos novos compostos. A tecnoloxía de GenDR permitiu xa deseñar test específicos máis eficaces (usando un menor número de marcadores xenéticos), o que abarata o custe e reduce os tempos de espera das análises.

Neste ano de vida de GenDR, os catro traballaron a viabilidade do proxecto e o modelo de negocio, fase na que continúan e que, unha vez estudado o alcance e tamaño do mercado, agardan culminar na constitución dunha spin-off da USC. Mentres tanto, ofrecen eses servizos de farmacoxenética desde a universidade compostelá e o grupo de investigación de Medicina Xenómica ao que pertencen.

The contents of this page were updated on 11.18.2016.