Skip to main content

A USC fortalece relacións académicas coas universidades italianas degli Studi di Milano e Torino

A delegación durante unha das reunións mantidas durante a viaxe
A delegación durante unha das reunións mantidas durante a viaxe

Un equipo da Vicerreitoría de Internacionalización encabezado pola súa responsable, Almudena Hospido, e o director da Escola Politécnica Superior da USC visitaron estes días as universidades degli Studi di Milano e Torino, ambas as dúas en postos significativos nos rankings internacionais segundo os últimos datos do Academic Ranking of World Universities.

Na Università degli Studi di Milano foron recibidos pola vicerreitora de Estratexia Internacional, Monica Diluca, e pola directora da Oficina de Relacións Internacionais, Marta Sansoni. O obxectivo da visita foi fortalecer as relacións entre ambas institucións na busca de novas vías de colaboración máis aló da mobilidade Erasmus. Na actualidade ambas institucións colaboran puntualmente en proxectos de investigación financiados con fondos europeos (H2020 e KA2 do Erasmus+) e a institución italiana envía anualmente máis de 20 estudantes á USC.

En concreto, falaron do potencial desenvolvemento de títulos dobres, dos programas de mobilidade en doutoramento e no fomento da participación da USC no programa de profesores visitantes que a institución italiana ten establecido dentro das súas estratexias de internacionalización.

Posteriormente, a delegación da USC trasladouse a Turín onde foron primeiramente recibidos pola reitora adxunta da Università degli Studi di Torino, Elisabetta Barberis, e a súa vicerreitora para Educación e Relacións Internacionais, Lorenza Operti. Neste caso o obxectivo principal foi acadar o apoio institucional ao establecemento de títulos dobres nas áreas de interese xa identificadas en contactos anteriores, así como explorar outras vías de fortalecemento das relacións científicas xa existentes, da que son proba un bo número de publicacións científicas coautorizadas por ambas institucións.

Nesa universidades tiveron ocasión de reuniuse cos profesores Ivo Zoccarato e Michele Freppaz, do Departamento de Ciencias Agrícolas, Forestais e Alimentarias, co fin de afondar na articulación concreta do deseño dunha titulación dobre; cos profesores Alberto Rizzuti, Guillermo Carrascón e Iole Scamuzzi, do Departamento de Estudios Humanísticos, para explorar posibilidades de cooperación en grao e de co titorización de teses de doutoramento; así como co persoal da Oficina de Relacións Exteriores e da unidade de xestión de títulos dobres internacionais.

The contents of this page were updated on 11.16.2016.