Skip to main content

O Campus Terra da USC súmase ás celebracións do Día da Ciencia en Galego cun evento de divulgación científica e humor

Cartaz do evento de divulgación científica organizado co gallo do Día da Ciencia en Galego
Cartaz do evento de divulgación científica organizado co gallo do Día da Ciencia en Galego
O ‘DivulgaTerra’ desenvólvese este mércores, de 16.00 a 21.00 horas na EPS, onde Xurxo Mariño e Vicente Mohedano pecharán a xornada co discurshow ‘Código Sapiens’

O Campus Terra da USC celebra este mércores a primeira edición do programa DivulgaTerra, un evento de divulgación científica promovido en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da USC co gallo do Día da Ciencia en Galego e orientado a dar visibilidade ao traballo desenvolvido polos novos investigadores e investigadoras do campus lucense.

A promoción da utilización do galego como ferramenta para a comunicación científica e outros dos obxectivos principais que busca DivulgaTerra. A primeira edición deste certame desenvolverase a partir das 16:00 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC, e consistirá nunha sesión de presentacións científicas cunha duración de 10 minutos cada unha e durante a que doce investigadores e investigadoras exporán os seus relatorios en lingua galega e nun ton ameno e divulgativo. Asemade, de xeito parello á celebración destas sesións de exposición pública das distintas liñas de investigación nas que están a traballar os investigadores/as inscritos como oradores no DivulgaTerra, outros sete estudantes do Campus Terra da USC tamén darán conta do seu labor científico a través de colocación de sete pósters no exterior do salón de actos da EPS, onde poderán ser visitados ata o remate da xornada. O colofón da programación deseñada ao abeiro de DivulgaTerra chegará a partir das 20.00 horas, coa presentación do discurshow Código Sapiens, unha creación de de Xurxo Mariño e Vicente Mohedano que por vez primeira chega a Galicia.

The contents of this page were updated on 11.08.2016.