Traballan no desenvolvemento de novos tratamentos para eliminar microcontaminantes das augas residuais

Teresa Alvariño Pereira defendeu estes días a súa tese de doutoramento na Universidade de Santiago cuns resultados que permiten incorporar nos procesos usuais de deseño das estacións depuradoras de augas residuais unha información cada día máis necesaria para poder eliminar en gran medida o vertido ao medio ambiente de microcontaminantes.
A investigación céntrase no desenvolvemento de novas tecnoloxías de tratamento que permitan unha eliminación optimizada dos denominados microcontaminantes emerxentes tales como fármacos (antibióticos, antidepresivos, etc.) e compostos disruptores endocrinos (hormonas, bisfenois, etc.), entre outros, en diferentes tipos de efluentes residuais onde a presenza destas sustancias é significativa, véxase augas urbanas e hospitalarias ou xurros de explotacións gandeiras.
Ao longo do traballo de doutoramento estúdase e analizase un amplo abano de novos tipos de reactores biolóxicos, dende unidades de laboratorio ata a construción e operación de plantas industriais segundo o deseño de patentes previamente desenvolvidas polo grupo de investigación en colaboración con VIAQUA, que se aplicaron ao tratamento de augas hospitalarias. A tese ‘Mecanismos que condicionan a eliminación de microcontaminantes orgánicos en sistemas de tratamento biolóxico avanzado de augas residuais’ dirixírona os doutores Sonia Suárez Martínez e Francisco Omil Prieto.