Skip to main content

Campus Vida recibiu a visita da conselleiro de Sanidade

A visita comezou no CiMUS. Foto: Servimav-USC
A visita comezou no CiMUS. Foto: Servimav-USC
O conselleiro, acompañado do reitor, coñeceu as instalacións do CiMUS, CEBEGA e o Banco de Tecidos

As instalacións do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) foron o punto de arranque dunha visita que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, realizou este venres 22 a Campus Vida acompañado do reitor Juan Viaño. Á visita tamén se sumaron a vicerreitora de Investigación e Innovación da USC, Isabel Rodríguez-Moldes, e as directoras das axencias galegas do Coñecemento (ACIS) e de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), Sonia Martínez Arca e Marisa López García, respectivamente, así como a secretaria xeral técnica da Consellería de SanidadeJosefina Monteagudo Romero.

Dende o CiMUS, a comitiva tamén visitou as instalacións do Centro de Biomedicina Experimental da USC (CEBEGA) e do Instituto de Ortopedia e Banco de Tecidos Musculoesqueléticos, onde recibiron as indicacións de cada un dos directivos destes centros de investigación, Carlos Diéguez, Anxo Vidal e Máximo Fraga, respectivamente.

Os centros
O CiMUS forma parte da Rede de Centros Singulares de Investigación do Campus de Excelencia Internacional Campus Vida e dirixe os seus obxectivos científicos á aplicación de estratexias transdisciplinares para a resolución de problemas relevantes no ámbito da biomedicina.

Dentro desta mesma Rede, o CEBEGA aspira a converterse nunha grande infraestrutura singular para a realización das máis avanzadas técnicas de experimentación biomédica baseada en modelos animais. A súa aspiración é ser un referente para toda a comunidade biomédica no conxunto da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, así como do noroeste español.

Finalmente o terceiro dos centros visitados, ten como obxectivos fundamentais a promoción e desenvolvemento da investigación científica e técnica no campo da ortopedia, así como o asesoramento técnico en materia de enfermidades musculoesqueléticas e a difusión de información de interese para a cirurxía ortopédica e en traumatoloxía.

O reitor e o conselleiro, no centro da imaxe, xunto coas representantes da Consellaría, a vicerreitora de Investigación e o director do CiMUS. Foto: Servimav-USC

The contents of this page were updated on 07.22.2016.