Skip to main content

O Campus Terra da USC participa nun proxecto de mellora do sistema vitivinícola español financiado con preto de 7,5 millóns

De esquerda a dereita, Javier J. Cancela, Benjamín J. Rey e Xesús Pablo González, na Escola Politécnica Superior de Lugo. Foto de X. Ponte
De esquerda a dereita, Javier J. Cancela, Benjamín J. Rey e Xesús Pablo González, na Escola Politécnica Superior de Lugo. Foto de X. Ponte
O grupo de investigación Proepla desenvolverá unha ferramenta de xestión en tempo real da rega e do abonado de grandes superficies de viñedo no proxecxto ‘Vinysost’

O grupo de investigación Proxectos e Planificación (Proepla) do Campus Terra da USC participa nun consorcio integrado por dez universidades e centros de investigación, seis bodegas representativas das principais zonas vitivinícolas españolas e dúas empresas do sector auxiliar de produción de tapóns e de produtos biotecnolóxicos no proxecto Vinysost, un programa de I+d orientado a mellorar a calidade e a competitividade dos viños españois mediante a xestión sustentable da produción en grandes viñedos, a fin de dar resposta así aos grandes retos que afronta o sector vitivinícola español.

O traballo que están a realizar Javier J. Cancela, Benjamín J. Rey, Xesús Pablo Fernández e Mª Teresa Teijeiro, investigadores do grupo Proxectos e Planificación da USC, no marco deste proxecto céntrase na análise e determinación dos efectos combinados da rega e do abonado na viña, tanto conducida en espaldeira como en parra. Cos resultados destas pescudas, estes investigadores do Campus Terra da USC pretenden desenvolver unha ferramenta informática que posibilite xestionar en tempo real a rega e o abonado en grandes superficies de viñedo. Esta ferramenta de xestión emprega datos medidos en continuo con sensores na viña, ademais dos datos adquiridos mediante o uso de drones equipados con cámaras multiespectrais e térmicas. O emprego da información recollida cos drones faríase logo do seu tratamento, análise e contraste cos datos obtidos polos sensores e parámetros fisiolóxicos da planta medidos in situ cunha periodicidade de 15 días durante as etapas fenolóxicas críticas da videira. Alén deste dispositivo ou mecanismo de xestión, a participación dos investigadores da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC no proxecto Vinysost contempla tamén a avaliación do alcance e dos efectos que teñen os diferentes tratamentos aplicados sobre a composición da uva e a calidade da mesma. De feito, o seu plan de traballo inclúe a celebración de catas hedónicas de consumidor para poder así estudar e avaliar a percepción do consumidor respecto dos viños elaborados con uvas sometidas a diferentes tratamentos. O proxecto de I+D Vinysost, un programa consorciado que conta cun orzamento de preto de 7,5 millóns de euros, recibe máis de seis millóns de euros de fondos Feder da Unión Europeo e do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial a través del Programa Operativo plurirrexional de Crecemento Intelixente 2014-2020 no marco del Programa Estratéxico de Consorcios de Investigación Empresarial Nacional (CIEN). O consorcio articulado para o desenvolvemento desta ambiciosa actividade de I+D conta coa implicación dalgunhas das adegas e empresas do sector vitivinícola máis importantes de España, entre as que figura Comercializadora La Rioja Alta. Xunto con estas firmas tamén participan dez dos centros de investigación máis relevantes do panorama científico vitivinícola nacional. Estes centros están a desenvolver actividades innovadoras encamiñadas a sentar as bases tecnolóxicas precisas para mellorar a sustentabilidade do sector e o seu grao de competencia na esfera internacional. As actuacións previstas no marco deste proxecto encádranse nun plan de traballo que inclúe tres grandes actividades técnicas: Estratexias para a produción sustentable en grandes superficies (Vitisost), estratexias para a mellora da evolución e estabilidade do viño (Eno+) e xestión global da sustentabilidade vitivinícola (Winesost), que inclúen a realización de nove accións concretas. As accións programadas para desenvolver nun período de 48 meses, o comprendido entre o 1 de agosto de 2014 e o 31 de xullo de 2018, responden a temáticas diversas, tales como son: xestión de superficies e optimización da calidade enolóxica, patoloxías da vide, mellora da maduración aromática e fenolóxica en variedades de uva tinta e branca (Vistisost); control e estabilidade aromática, sensorial, microbiolóxica e química dos caldos, envase e estabilidade do viño e ampliación do período óptimo do seu consumo (Eno+), e aplicación integral do soporte á xestión empresarial aplicando a análise de custo do ciclo de vida en aras a unha xestión global sustentable.

The contents of this page were updated on 07.20.2016.