Prosegue a programación de Verán campUSC

Verán campUSC prosegue ao longo de xullo a súa programación de actividades para os rapaces e rapazas de entre 3 e 13 anos, organizada pola Fundación USC Deportiva coa colaboración da Oficina de Igualdade de Xénero e o Servizo de Deportes da USC e á que este ano por vez primeira se ten sumado tamén o Concello de Santiago. No Pavillón Universitario, a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois González, a asesora da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Marta Carballo Fidalgo, e o xerente da Fundación USC Deportiva, Óscar Hermida, mantiveron este venres 15 un encontro cos/as participantes.
Verán CampUSC mestura actividade deportiva, cultural, socioeducativa e de lecer que procura axudar ao proceso de conciliación laboral de familias. En Verán CampUSC amosaranse aos participantes as bases dunha importante cantidade de xogos e deportes atendendo as súas idades e desenvolvemento psíquico-físico. No deseño da proposta tívose en conta a importancia da práctica físico-deportiva dende o punto de vista da saúde e como mecanismos para inculcar dun xeito lúdico os valores de disciplina, esforzo, perspectiva de xénero, dedicación e respecto ás normas. Algunhas das actividades que se desenvolven son piscina, deportes de raqueta e de combate, psicomotricidade, deportes colectivos, sendeirismo, acrosport, xogos predeportivos e populares. Pola súa banda, no capítulo de actividades de ocio e tempo libro inclúense diferentes obradoiros con distintas técnicas e materiais (modelaxe, pintura, recortables, papiroflexia,...) como cancións, xogos cooperativos, visitas a lugares significativos da cidade e do contorno.