O grupo Histagra da USC inaugura este xoves a mostra ‘80 anos. Santiago 1936’

Explicar cómo en poucos días Santiago pasou de ser unha cidade en plenas festas do Apóstolo, na que aínda se celebraba o Estatuto de Autonomía de Galicia, a vivir o triunfo do golpe de estado. Ese é o propósito da mostra que o grupo de investigación histórica da USC Histagra inaugura este xoves 7 ás 19.00 horas na Fundación Granell.
En ‘80 anos. Santiago 1936’ cóntase, “cun novo relato elaborado a 80 anos daquel pasado incómodo”, cómo as rúas de Compostela “pasaron de ser un espazo de convivencia, pugna e pluralidade democrática, a converterse no escenario do medo, da persecución e da matanza”, explican os promotores e comisarios da exposición Lourenzo Fernández Prieto, Gustavo Hervella García, Alfonso Mato Domínguez, Antonio Míguez Macho e Dolores Vilavedra Fernández.
A mostra poderá visitarse ata o 25 de setembro de martes a venres de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 e os sábados de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas.