Skip to main content

O Comité Económico e Social Europeo debate na USC como mellorar a promoción de empresas innovadoras e rápido crecemento

De esquerda a dereita, Joost van Iersel, Juan Viaño e Martiño Noriega. Foto. Servimav-USC
De esquerda a dereita, Joost van Iersel, Juan Viaño e Martiño Noriega. Foto. Servimav-USC

O Comité Económico e Social Europeo (CESE) elixiu a Universidade de Santiago como sede da audiencia pública e xuntanza da súa sección especializada de Unión Económica e Monetaria e Cohesión Económica e Social (ECO). A reunión ten como lema ‘Promover as empresas innovadoras e de rápido crecemento’ e inaugurárona este xoves 7 no Centro de Estudos Avanzados da USC o reitor Juan Viaño, o presidente de ECO, Joost van Iersel, e o alcalde do Concello de Santiago, Martiño Noriega.

O obxectivo da xuntanza é impulsar a actuación en favor das empresas emerxentes, explorando as boas prácticas que xa se están aplicando a nivel nacional e europeo así como a maneira de desenvolver novas formas de colaboración entre universidades e as empresas innovadoras e de rápido crecemento. O encontro permitirá debater as medidas necesarias para abordar o problema do acceso ao financiamento, as cargas administrativas e a realización do mercado único dixital da UE, encamiñadas todas elas a facer da UE un polo de atracción para o talento e o espírito empresarial.

Como puxo de manifesto durante a inauguración o reitor Juan Viaño considera a temática desta reunión “clave para o progreso e benestar social”. Dixo “é un tema de extrema importancia para toda a sociedade que, hoxe máis que nunca, necesita de máis e mellores empresas”. Neste contexto, o reitor destacou que as universidades “facemos importantes esforzos por promover a excelencia investigadora” e puxo como exemplo o Campus de Excelencia Internacional Campus Vida e o recén creado Campus Terra, que “dota ao Campus de Lugo cunha identidade científica propia” especializada nas ciencias agroalimentarias, veterinarias e forestais, ademais do proxecto para desenvolver un Campus da Cidadanía, especializado en Ciencias Sociais e Humanidades.

“A creación de empresas universitarias, o emprendemento universitario, é un catalizador de incuestionable eficacia no proceso de transferencia de coñecemento dende a universidade á sociedade” , polo que “temos o deber de promover a iniciativa emprendedora entre os nosos investigadores e de facilitarlle un entorno propicio para a maduración das tecnoloxías”, engadiu Viaño. A posta en marcha en 1999 da incubadora de empresas Uninova ou a creación da primeira Sociedade de Capital Risco de carácter universitario de España –Unirisco- ou de Uninvest –de financiamento de spin-off universitarias de toda España- foron algúns dos exemplos sinalados polo reitor compostelán como mostra do esforzo realizado pola USC para apoiar a promoción de empresas innovadoras. A experiencia acumulada neste anos permitiunos “aprender e constatar que se realmente queremos crear e consolidar un tecido empresarial altamente innovador e que mellore a competitividade das nosas economías, a universidade non pode xogar un papel secundario”.

Logo da quenda de intervencións previstas para o longo da sesión matinal no Centro de Estudos Avanzados, o grupo desprázase pola tarde ao Campus de Excelencia Internacional da USC, Campus Vida, para coñecer o labor desenvolvido pola USC a través do edificio Emprendia e no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS). Ademais, visitarán as instalacións de dúas empresas xurdidas a partir de proxectos de investigación da universidade compostelán: Nanogap, dedicada a nanomateriais e baseada nunha plataforma tecnolóxica de química mollada controlada con precisión, e Neoker, sociedade para a produción de fibras de alúmina monocristalinas para o esforzo de composites de altas prestacións.

CESE
O CESE é un foro único de consulta, diálogo e consenso entre representantes de todos os sectores diferentes da sociedade civil, incluíndo empresariado, sindicatos e entidades como asociacións profesionais e comunitarias, organizacións xuvenís, grupos de mulleres, consumidores ou ecoloxistas, entre outros. A súa misión é contribuír a garantir que a elaboración de políticas e a lexislación da UE sexan máis democráticas e eficaces e reflictan autenticamente as necesidades dos cidadáns europeos.

O Comité presta asesoramento ao Parlamento Europeo, ao Consello e á Comisión Europea e os seus ditames inflúen verdadeiramente na elaboración das políticas da UE.

A sesión matinal celebrouse no CEA e continúa pola tarde cunha visita a distintas instalacións de Campus Vida e empresas xurdidas na USC. Foto. Servimav-USC

The contents of this page were updated on 07.07.2016.