Skip to main content

Acto de entrega dos VII Premios do Centro Yuzz Santiago aos mellores proxectos emprendedores

O Centro Yuzz Santiago, espazo dedicado ao emprendemento emprazado no edificio Emprendia da USC, entregará este mércores 6 os premios correspondentes á súa sétima edición, na que traballaron durante cinco meses 25 emprendedores para converter as súas ideas empresariais en proxectos.

O acto de entrega terá lugar ás 12.00 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeiografía e Historia) e nela participarán o adxunto a reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, Manuel Cotos; o subdirector xeral de Emprego da Xunta de Galicia, Juan José Lirón; o xerente de Institucións de Banco Santander, José Manuel Guinarte; a coordinadora do Centro Yuzz Santiago, Elena Pernas; e o representante da delegación de SECOT (Voluntariado Senior de Asesoramento Empresarial) en A Coruña, Hilario de Pablos.

O mellor proxecto será premiado cunha praza para viaxar a Silicon Valley. O obxectivo desta experiencia é inspirar e potenciar a novos emprendedores para acelerar o desenvolvemento das súas startups, brindándolles conexións para a internacionalización dos proxectos e a busca de financiamento. Ao seu regreso, un xurado integrado por representantes de Banco Santander, CISE e entidades colaboradoras seleccionarán aos gañadores de YUZZ 2016. Os tres mellores emprendedores recibirán unha dotación económica (30.000, 20.000 e 10.000 euros) para que poidan acelerar os seus proxectos.

Nas súas seis edicións anteriores creáronse máis de 500 empresas, e na presente convocatoria participaron 1.000 emprendedores con 810 proxectos. O programa YUZZ diríxeo CISE co patrocinio de Banco Santander e a colaboración en Santiago da USC e a Secretaria de Emprego da Xunta de Galicia.

The contents of this page were updated on 07.05.2016.