Mercedes Gancedo, acompañada ao piano de Beatriz Miralles, abre este luns ‘Músicas a carón da Mosqueira’ na Casa do Saber

A soprano arxentina Mercedes Gancedo, abre o luns 11 de febreiro o ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’, un programa de música de cámara promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no que participan con achegas económicas USC, Concello e Deputación Provincial de Lugo, cun concerto aberto ao público interesado e no que estará a acompañada da pianista Beatriz Miralles.
Mercedes Gancedo realizou estudos superiores de canto no I.S.A Teatro Colón de Bos Aires. Continuou a súa formación cos mestres Jaume Aragall, Eduard Giménez, Alicia Nafé, Teresa Berganza, Mirella Freni, Montserrat Caballé, Raquel Pierotti, Cecilia Bartoli, entre outros. Realiza o seu debut no ano 2008 co rol de Despina (Così fan tutte) no Teatro Roma, de Bos Aires. Tamén nesta cidade cantou as óperas The Fairy Queen con Jeffrey Gall, Susanna (Le Nozze di Figaro). No ano 2009 recibe o premio Joven Promesa Artística de Carácter Internacional da Asociación de Críticos de la República Arxentina.
A traxectoria desta soprano en España tamén é ampla, pois cantou Mariana (Das Liebesverbot) no Festival Castell de Peralada; Berta (Il Barbiere di Siviglia) no Teatro Campoamor de Oviedo e Teatro Jovellanos de Xixón, Pamina (Die Zauberflöte) e Alisa (Lucia di Lammermoor) en AAOS (Barcelona). As súas últimas interpretacións inclúen Clarina (La cambiale di matrimonio) para a Òpera de Cambra de Barcelona, o debut no rol de Micaela (Carmen) no Palau de la Música Catalana de Barcelona, Kate Pinkerton (Madame Butterfly) no Festival Castell de Peralada, Condesa di Ceprano (Rigoletto), Giannetta (L’elisir d’amore) no Gran Teatre del Liceo (Barcelona) e Zweite Dame (Die Zauberflöte), no Festival Castell de Peralada.
Esta virtuosa vocalista, que gozou dunha bolsa da Fundación de Música de Cámara de Buenos Aires durante cinco anos consecutivos para traballar co mestre Wilheim Opitz, doutra da Fundación Mozarteum (bolsa “Teresa Grüneisen”), e tamén doutra da Fundación Victoria de los Ángeles para o Máster de Lied y Canción Española “Victoria de los Ángeles” na EsMuc, amorea xa unha boa cantidade de premios na súa aínda curta traxectoria artística.
Beatriz Miralles
Beatriz Miralles comeza os seus estudos de piano aos 7 anos coa profesora Daisy Pérez Serrano. Ingresa no Conservatorio Superior de Música de Madrid na especialidade de piano coa catedrática Pilar Bilbao, cursando ademais a especialidade de Acompañamento Vocal co profesor Juan Antonio Álvarez Parejo. Finaliza o Grao Superior en 2012 con nota media de sobresaínte. Estuda tamén cos pianistas Leonel Morales, Iván Cítera e Ofelia Montalbán. Recibiu clases maxistrais de Vladimir Ovchinikov, Imre Rohman, Vinzenzo Balzani, Andreas Fröhlich, Jan Kadlubisky, etc.
No ano 2013 asiste como alumna invitada ao Conservatorio Superior de Música de Friburgo (Alemaña), onde é instruída na especialidade de Liedgestaltung (acompañamento vocal) polo repertorista Matthias Alteheld. No ano 2014 grava xunto á cantante Susana Peón e o actor Aarón Martín Pozo o disco De norte a sur con la nostalgia de una canción, no que o tango e o jazz son os protagonistas. No ano 2016 finaliza o Máster de Lied en ESMUC baixo a tutela do mestre Francisco Poyato. Durante este año crea o espectáculo Mignon, sobre textos do escritor J. W von Goethe.