Skip to main content

Representantes de máis de 30 universidades de todo o mundo asisten en Castelló á Asemblea do Grupo Compostela

Recepción no Concello de Castelló aos participantes na XXII asamblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades
Recepción no Concello de Castelló aos participantes na XXII asamblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades
No seu transcurso entregaráselle o XX Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia a CIRCOM Rexional

O Grupo Compostela de Universidades (CGU) celebra este luns e o martes 20 a súa XXII Asemblea Xeral na Universitat Jaume I en Castelló. Esta asemblea inclúe a celebración do seu consello xeral, unhas xornadas académicas centradas no rol da sociedade civil como impulsora da innovación universitaria, así como a entrega do Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia.

Máis de sesenta representantes dunha trintena de institucións de educación superior, entre eles o reitor Juan Viaño, danse cita en Castelló, no marco da celebración do 25 aniversario da universidade anfitrioa, para debater con expertos universitarios sobre a internacionalización das institucións educativas e a súa relación coa sociedade civil e o sector privado.

Este luns as universidades membro do CGU asisten ao consello xeral, no que se lle dará a benvida a dez novos membros e se fará entrega do premio do V Concurso Internacional de Vídeo para estudantes, que este ano recaeu nun grupo de estudantes da Universidade Jaume I.

Na sesión académica do martes 20 contarase coa presenza do profesor Per Kristensson, investigador na Universidade sueca de Karlstad, que centrará a sesión de apertura nas relacións entre universidade, sector público, sector privado e sociedade civil. Así mesmo, presentaranse os resultados da edición piloto dos International Research Pitches, un concurso de monólogos para investigadores, cuxos premios se entregarán durante o evento.

Pola súa parte, a terceira edición dos Diálogos Compostela en Educación Superior centraranse na perspectiva ética destes diferentes sectores. A xornada académica pecharase coa segunda edición dos Café Compostela, unha serie de mesas temáticas paralelas arredor da internacionalización universitaria.

Premio a CIRCOM
A entrega do XX Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia terá lugar este martes, no marco da Asemblea xeral do Grupo. Este ano o galardón foi concedido a CIRCOM Rexional, a Asociación Profesional de Televisións Rexionais Públicas en Europa. O xurado destacou desta organización a súa promoción dos valores de tolerancia, diversidade e integración, así como o seu importante labor na construción da identidade europea.

CIRCOM Rexional foi fundada no ano 1983 e na actualidade está formada por 300 canles de televisión públicas de máis de 30 países europeos. Á cerimonia de entrega asistirán a súa directora, Tone Kunst, e o seu secretario xeral, Fernando Ojea.

O CGU
O Grupo Compostela de Universidades é unha asociación internacional sen ánimo de lucro que traballa a prol da cooperación e a promoción do diálogo no eido da educación superior.

Creada no ano 1993 por un grupo de universidades europeas, actualmente o CGU está formado por 64 membros procedentes de 27 países, o cal se traduce en máis de 150.000 persoas traballando nas universidades e arredor de 1,3 millóns de estudantes. A Secretaría executiva do CGU sitúase en Santiago de Compostela, e conta, ademais, cunha delegación en Bruxelas.

The contents of this page were updated on 09.19.2016.