Skip to main content

O XXII Maratón Fotográfico do Campus Terra da USC pon o foco nas árbores na súa vixésimo segunda edición

Barreiro, Ochoa e Lugilde, con participantes no XXII Maratón Fotográfico do Campus Terra da USC
Barreiro, Ochoa e Lugilde, con participantes no XXII Maratón Fotográfico do Campus Terra da USC
Máis de 40 persoas toman parte neste certame, organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural e dotado con 500 euros e trofeos para as persoas premiadas

As árbores, na súa acepción máis ampla e como elemento transversal que conecta espazos urbanos e naturais, constitúen o tema proposto polos organizadores do XXII Maratón Fotográfico do Campus Terra da USC, un certame organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no que participan Concello e Deputación de Lugo xunto coa USC e que repartirá 500 euros e trofeos entre os autores das dúas fotografías máis valoradas polo xurado.

O foco das cámaras fotográficas das máis de 40 persoas que formalizaron a súa inscrición nesta cita percorrerán hoxe rúas, barrios e bisbarras luguesas na procura de imaxes, paisaxes naturais ou simbólicas de árbores, que constitúen nesta edición é o tema proposto pola organización dun certame aberto a todos os públicos e que xa se ten consolidado como unha homenaxe á fotografía desde Lugo. O vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro, informou este martes a todos os participantes que se deron cita na Casa do Saber sobre as singularidades desta edición do maratón fotográfico do Campus Terra da USC, unha cita na que ten cabida a fotografía analóxica e a dixital e na que tamén se deixa vía libre á creatividade dos participantes. O coordinador do Espazo de Fotografía do campus de Lugo e membro do Grupo Cinematográfico Fonmiñá, Eduardo Ochoa, subliñou neste senso que un dos obxectivos deste certame fotográfico e favorecer e, se cabe, estimular a creatividade dos afeccionados á fotografía. Asemade, engadiu, as persoas inscritas teñen que presentar unha fotografía relacionada co tema proposto pola organización, así como outra imaxe de temática libre. Prazos de entrega e trofeos A actividade fotográfica propiamente dita do XXII Maratón Fotográfico do Campus Terra da USC desenvolverase a partir das 10.00 horas do martes 20 de setembro ata as 14.00 horas do día seguinte, cando remata o prazo habilitado pola organización para recoller todo o material presentado a concurso. As persoas interesadas deben presentar as súas respectivas propostas artísticas nas oficinas da Área de Cultura do campus de Lugo da USC, sitas no edificio da Vicerreitoría de Coordinación. Os organizadores do XXII Maratón Fotográfico do Campus Terra da USC contemplan a entrega de dous premios, que contan cunha dotación económica conxunta de 500 euros. Así, o autor/a da mellor fotografía do tema tema proposto pola organización recibirá o Premio Carlos Valcárcel, dotado con 300 euros en metálico, ademais de diploma e trofeo. O premio á mellor fotografía do tema libre inclúe unha gratificación en metálico de 200 euros, diploma e trofeo.

Todos os participantes non premiados tamén recibirán un diploma acreditativo da súa participación no XXII Maratón Fotográfico do Campus Terra da USC. Como nas edicións anteriores, ao remate do certame, a organización fará unha escolma entre as imaxes presentadas a concurso, tanto entre as galardoadas como as non premiadas, a fin de que todos os autores/as estean representados con algún dos seus traballos. Este material fotográfico, co que está previsto editar un catálogo dixital, tamén será exposto ao público na capela de Santa María, no marco dunha mostra colectiva que estará aberta desde o 26 de outubro ata o 6 de novembro e cuxa inauguración coincidirá co acto de entrega dos premios ás persoas galardoadas.

The contents of this page were updated on 09.20.2016.