Skip to main content

CRUE Universidades Españolas adhírese á Alianza para a Mobilidade Académica

O reitor (no centro) presidiu o acto de sinatura (Foto: Santi Alvite)
O reitor (no centro) presidiu o acto de sinatura (Foto: Santi Alvite)

CRUE Universidades Españolas asinou este xoves un acordo polo que se adhire á Alianza para a Mobilidade Académica, iniciativa a través da que se busca fortalecer o Espazo Iberoamericano de Coñecemento. O reitor da USC, Juan Viaño, presidiu na Cidade da Cultura o acto protocolario de sinatura do acordo que subscribiron o presidente de CRUE, Segundo Píriz; Rebeca Grynspan Mayufis, en representación da Secretaria Xeral Iberoamericana (SEGIB); o secretario xeral da Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (OEI), Paulo Speller; e o secretario xeral do Consello Universitario Iberoamericano (CUIB), Félix García Lausín.

O marco iberoamericano de mobilidade académica é a iniciativa de intercambio de estudantes, profesores e investigadores máis ambiciosa da rexión iberoamericana. Na presentación do acto, Juan Viaño lembrou que o acordo supón un punto e seguido nun proceso cuxo inicio remóntase ao ano 2005 cando o XV Cumio de Salamanca acordou avanza na creación dun Espazo Iberoamericano do Coñecemento, “ orientado á necesaria transformación da Educación Superior e articulado en torno á investigación, o desenvolvemento e a innovación”.

CRUE comprométese a divulgar e impulsar entre as institucións de educación superior asociadas todos aqueles programas que lle sexan afíns e contribúan ao obxectivo de fortalecer o Espazo Iberoamericano de Coñecemento. Ademais, brindará a información que lle competa ao Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación como organismo reitor do traballo dos cumios en España. Tamén colaboración coa secretaría técnica do EIC naquelas funcións de ámbito nacional, rexional ou internacional que se acorden.

Con esta adhesión, CRUE súmase aos tres axentes que conforman a Unidade Coordinadora do Espazo Iberoamericano, a SEBIG, o CUIB e a OEI e así comparte explicitamente o valor estratéxico da mobilidade internacional, “non só polos beneficios académicos, sociais e económicos que achega, senón pola súa contribución á creación dunha cidadanía académica iberoamericana e do Caribe e, a través dela, de sentimentos de vinculación e pertenza que transcenden o académico para alcanzar a sociedade no seu conxunto”, dixo Viaño.

The contents of this page were updated on 09.29.2016.