Skip to main content

A inserción laboral de enxeñeiros en Xeomática e Topografía, a debate este venres na Escola Politécnica Superior

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
A sesión, que comezará ás 17.00 horas e estará guiada pola profesora María Iniesto, servirá de presentación do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñaría Xeomática e Topográfica

O grao de empregabilidade e as posibilidades de incorporarse ao mercado laboral que ofrece o grao de Enxeñaría en Xeomática e Topografía centrarán este venres, a partir das 17.00 horas, na sala de xuntas da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC, unha mesa de debate na que intervirán como relatores investigadores e profesionais que desenvolven o seu cometido laboral en empresas e tamén na Administración.

A profesora da USC na Escola Politécnica Superior e delegada territorial do Colexio Oficial de Enxeñaría Xeomática e Topográfica, María José Iniesto, será a responsable de guiar esta sesión informativa e de debate, promovida a iniciativa do órgano colexiado coa intención de dar resposta ás inquedanzas sobre expectativas laborais daqueles estudantes que están a piques de rematar os estudos do grao en Enxeñaría Xeomática e Topográfica ou dos enxeñeiros que veñen de titularse. A xornada, na que se mestura a dimensión profesional coa académica, servirá asemade para presentar aos futuros enxeñeiros e tamén a novos titulados, a corporación colexiada que representa e vela polos intereses desta profesión regulada, ademais das prestacións e servizos que ofrece para os enxeñeiros colexiados e para o resto da sociedade. A secretaria da delegación territorial en Galicia do Colexio de Enxeñaría Xeomática e Topográfica, Alicia Cañizares Sánchez, será a encargada de facer esta presentación. María José Iniesto guiará de seguido o coloquio sobre empregabilidade e inserción laboral de enxeñeiros en Xeomática e Topografía, unha sesión na que intervirán Alejandro Ávila Búa, enxeñeiro do grupo Trato que conta con experiencia internacional; Ana Rodríguez Álvarez, funcionaria do corpo de Topógrafos do Concello de Lugo; a fundadora da empresa Peritos do Rural, Inmaculada Castro Besteiro, a propia Alicia Cañizares e o graduado en enxeñaría en Xeomática e Topografía e investigador de doutoramento na EPS, Simón Peña Villasenín.

The contents of this page were updated on 09.29.2016.