A Aula TIC-Pemes traballa a prol da reinserción social de reclusos a través da súa alfabetización informática

A Aula TIC-Pemes da USC colabora con Aliad Ultreia e coa Asociación Penitenciaria Concepción Arenal (APCT) na reinserción de reclusos a través da súa alfabetización informática. Esta iniciativa, que se enmarca dentro dunha acción de voluntariado na que tamén participa o Servizo de Participación e Integración Universitaria (Sepiu), comezou a desenvolverse este mércores na sede luguesa de Aliad Ultreia.
O novo proxecto social no que está a traballar a Aula TIC Pemes da USC responde ao compromiso deste servizo universitario pola formación temática en tecnoloxías da información e da comunicación de colectivos en risco de exclusión social, tal e como o son as persoas que están reclusas en centros de prisión. Este programa formativo, que se desenvolve baixo a denominación de Curso de informática básica e buca activa de emprego, está impartido por membros da Aula TIC-Pemes da USC, que son os responsables de guiar as distintas clases programadas no marco dunha iniciativa formativa que se prolongará ata finais de outubro. O obxecto deste curso é o de achegar aos usuarios/as ás novas tecnoloxías da información e da comunicación mediante distintas sesións formativas de carácter práctico que permitirán ás persoas participantes coñecer algunhas ferramentas básicas para o uso e manexo dun ordenador.