Últimos días para inscribirse no obradoiro de técnicas de relaxación e meditación

Tras o éxito de convocatoria dos anteriores obradoiros de técnicas de relaxación e meditación como ferramentas de saúde, a Fundación USC Deportiva organiza xunto coa spin-off Xuntos. Atención Psicológica y Psiquiátrica, a súa sexta edición, que terá lugar en xaneiro e febreiro. A inscrición permanecerá aberta ata o vindeiro día 13.
Os contidos serán principalmente de carácter práctico e resaltarán os beneficios que comportan as técnicas de relaxación e a meditación, como a redución significativa do estrés, a mellora da capacidade de concentración e atención, así como da respiratoria, o fortalecemento das relacións tanto persoais como familiares e sociais ou a sensación de benestar físico e psicolóxico, axudando na recuperación de distintas doenzas.
O curso, a desenvolver na sala multiusos do Colexio Maior Rodríguez Cadarso nas tardes dos martes e xoves do 17 de xaneiro ao 23 de febreiro, estará impartido por Amancio Rial, profesor de tai chi, kung fu e meditación da Fundación USC Deportiva, e Laura Buj, psicóloga xeral sanitaria de Xuntos.