O Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial toma posición como instrumento clave para a industria 4.0
A directora do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) do que forma parte a USC, Peregrina Quintela Estévez, presentou este xoves en Matemáticas a memoria anual de actividades correspondente ao ano 2015 no workshop ‘ITMATI: un consorcio das tres universidades galegas para facilitarlles aos investigadores a transferencia da Matemática Industrial á empresa’. A directora estivo acompañada pola presidenta do ITMATI, Isabel Rodríguez-Moldes Rey, vicerreitora á vez de Investigación e Innovación da USC, e polo xerente do Instituto, Rubén Gayoso Taboada.
A memoria plasma un importante incremento de ingresos e actividade, reflexo da consolidación do instituto. O centro de transferencia do coñecemento está participado polas tres universidades galegas e, de acordo cos datos reflectidos na memoria, case duplicou os seus ingresos respecto ao ano 2014; en concreto aumentaron un 97,16 por cento: pasou de 551.529,35 euros a 1.087.372,89€ en 2015, excluído o IVE.
A función do ITMATI -que naceu en marzo de 2013 con vocación de ser un centro de investigación tecnolóxica de referencia a nivel internacional- é proporcionarlles solucións a pequenas e medianas empresas, a grandes firmas, a industrias e a Administracións Públicas para apoiar a innovación e a mellora da competitividade no sector produtivo, grazas ao uso de ferramentas desenvolvidas desde a Matemática Industrial.
Industria 4.0
Na presentación, a directora manifestou que o “ITMATI se está convertendo, pese aos seus escasos anos de traxectoria, nun instrumento clave na que será a cuarta revolución industrial, posto que reúne o coñecemento e aplicación do conxunto de tecnoloxías que fan posible todo o potencial da industria 4.0”. Nese sentido, as ferramentas de modelización, simulación numérica, modelización estatística (Big Data) e optimización das que fai uso o centro son a base para que a actividade das empresas evolucione cara ao concepto de industria 4.0.
“A matemática industrial é unha tecnoloxía facilitadora clave á hora de falar de industria intelixente -apuntou Peregrina Quintela- xa que as ferramentas que son a base da industria 4.0 teñen o seu piar na tecnoloxía matemática”. No proceso de converter a industria en intelixente, vinculando o mundo físico ao virtual, o ITMATI está chamado a ser un referente para a industria galega, o conxunto da española e a internacional.
Casos de éxito
O ITMATI explota unha ferramenta transversal como é a Matemática Industrial para optimizar procesos industriais de produción, fabricación, distribución e almacenamento, en empresas de calquera ámbito produtivo.
Exemplo disto son os sete casos de éxito: a Unidade Mixta de Investigación REPSOL-ITMATI; o Proxecto LUMES; o proxecto de solidificación de metais; o Green Port Energy Center (GPEC); GANESO: simulación e optimización de redes de gas; o proxecto coa empresa EcoMT; e o proxecto coa empresa FerroAtlántica.
Fontes de financiamento
Os ingresos totais do Consorcio procederon de dúas fontes de financiamento: por unha banda, os contratos de transferencia, que comprenden contratos de I+D en varias modalidades (proxectos europeos e nacionais de transferencia, contratos con empresas e convenios de transferencia con institucións); neste ámbito participaron 22 empresas, cunha contía total de 1.071.112,89 euros, o que representa o 98,50% dos ingresos totais do ITMATI para 2015. A outra fonte de financiamento son as achegas das universidades, que o ano pasado representaron 16.260 euros, o 1,5% dos ingresos totais do Instituto, segundo reflicte a memoria aprobada.
En concreto, o ITMATI tivo en marcha en 2015 un total de 29 contratos con 22 empresas e entidades. Desde a súa constitución no ano 2013, a cifra global de contratos é de 37. Dos 29 contratos referidos, seis deles inscríbense no marco de convocatorias Feder Innterconecta; un é un Proxecto estratéxico de consorcios de investigación empresarial nacional (CIEN), xestionado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI); dous son proxectos de investigación e de desenvolvemento individuais (PDI), xestionados por CDTI; un proxecto competitivo concedido polo goberno noruegués; dezaseis contratos/convenios de colaboración tecnolóxica directos con empresas e entidades; dous cursos de formación e a Unidade Mixta de Investigación Repsol-ITMATI, no marco dunha convocatoria da Axencia Galega de Innovación.
Todos eses contratos céntranse en tres grandes áreas de transferencia: simulación, estatística/Big Data e optimización. Destaca a área de Simulación Numérica con 21 proxectos activos, que representan o 48,17% da actividade total, e que superaron o 40% da facturación total do Centro. A continuación sitúase a área de optimización, que representa o 26,48% do montante de proxectos activos. Por último, a área de estatística e Big Data supón o 25,34%.
Potencial humano
Por outro lado, o Centro ten o compromiso de consolidar tamén, cuantitativa e cualitativamente, o potencial humano no ámbito da investigación, a innovación e a transferencia matemática. Deste xeito, o persoal investigador que xunta o Centro pasou de 71 persoas en 2014 a 85 no pasado ano, entre investigadores adscritos das universidades galegas ao centro, investigadores contratados, investigadores colaboradores, colaboradores e alumnado en prácticas.