Skip to main content

Unha xornada teórica e práctica achegará técnicas de introdución á autodefensa

Unha xornada teórica e práctica achegará técnicas de introdución á autodefensa
Unha xornada teórica e práctica achegará técnicas de introdución á autodefensa
Diríxese a maiores de 16 anos e dará conta de técnicas de xestión de conflitos baseadas en habilidades e competencias que evitan o enfrontamento físico

Destinada a calquera persoa maior de 16 anos, a Fundación USC Deportiva e o Servizo de Deportes organiza o 17 de decembro unha xornada de enfoque teórico e práctico de iniciación á autodefensa. O modelo de aprendizaxe proposto tradicionalmente polas artes marciais incide maioritariamente na adquisición e perfeccionamento de habilidades físico-técnicas somo solución a unha agresión de carácter físico. Neste curso preténdense analizar os conflitos cun enfoque máis aberto, construíndo deste xeito unha visión máis ampla, completa e actual da autodefensa.

A finalidade é dotar de recursos de autodefensa para dar resposta a potenciais situacións de risco, aprendendo o uso de técnicas eficaces en funcións das capacidades de cada un e das características da agresión. Ademais explicaranse técnicas de xestión de conflitos baseadas noutro tipo de habilidades e competencias destinadas a evitar o enfrontamento físico.

O programa dividirase en dúas horas teóricas e seis horas prácticas que impartirán Óscar e Sergio Lafuente López nas instalacións do Colexio Maior Rodríguez Cadarso e na Sala de Artes Marciais do Estadio de Atletismo. Ambos contan cunha dilatada traxectoria como adestradores no eido das artes marciais e posúen a titulación de especialistas en autodefensa expedido pola Real Federación Española de Karate, tendo ademais o grao de 4º DAN nesta disciplina.

Todas as persoas interesadas en participar deberán formalizar a súa inscrición a través da web da Fundación USC Deportiva. O prezo do curso é de 35 euros, cunha oferta total de 20 prazas que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición para a súa adxudicación. A xornada desenvolverase o 17 de decembro en horario de 9 a 13.30 horas e de 16.00 a 20.30 horas.

The contents of this page were updated on 12.12.2016.