Skip to main content

A mellora da captación, formación e inserción laboral do alumnado, prioridades estratéxicas da Escola Politécnica Superior

Edificio central da Escola Politécnica Superior da USC
Edificio central da Escola Politécnica Superior da USC
O documento que rexerá o futuro deste centro universitario do Campus Terra da USC, que está en fase de exposición pública, busca dar resposta ás demandas da sociedade

A mellora da captación, formación e inserción laboral do alumnado que complete calquera das titulacións de grao e posgrao impartidas na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC centran as prioridades do novo plan estratéxico deseñado para orientar o rumbo do centro universitario lugués durante o trienio 2017-2010.

O documento ambicioso no que está a traballar a EPS e cuxo primeiro borrador xa se atopa en fase de exposición pública ata o vindeiro 30 de decembro, está aberto á incorporación de novas suxestións e alegacións. As persoas interesadas en facer as súas respectivas achegas en aras a mellorar este plan estratéxico poden proceder á consulta do seu contido, así como de toda a súa documentación na páxina web da EPS, onde tamén poderán acceder ao modelo de formulario habilitado para realizar as alegacións oportunas. O plan estratéxico da EPS presenta un horizonte temporal de tres anos, de 2017 a 2020 e, ademais de recoller a misión, visión e os valores fundamentais da Escola Politécnica Superior, define asemade seis liñas estratéxicas ou ámbitos de actuación que se estiman claves e determinantes tanto para o futuro da escola como para o mellor porvir dos enxeñeiros e enxeñeiras egresados/as deste centro universitario da USC. A ampliación e mellora da oferta docente e de formación continua, a mellora da calidade, o fomento da internacionalización, a mellora da xestión e a organización, as relacións coa sociedade e co tecido produtivo, así como a progresiva mellora e adecuación das infraestruturas e instalacións dispoñibles, constitúen os piares básicos arredor dos que pivotan os 18 obxectivos estratéxicos fixados neste documento, no que tamén se definen un total de 62 accións estratéxicas, que permitirán acadar e valorar resultados en cada un dos seis ámbitos definidos.

The contents of this page were updated on 12.15.2016.