Magín Blanco e María Faltri representan Gatuxo na Escola Infantil Breogán

O músico Magín Blanco acompañado de María Faltri interpretaron este luns 19 o seu espectáculo Gatuxo na Escola Infantil Breogán da USC, dentro dunha iniciativa organizada polo propio centro xunto coa ANPA Monicreque. Gatuxo é unha proposta escénica na que se mesturan música, cantigas, teatro, contos, clown, a manipulación de obxectos e o claqué, todo interpretado en directo e dirixido a crianzas de 0 a 3 anos.
Esta é unha actividade extraordinaria dentro das propostas de nadal da Escola Infantil universitaria así como da secuencia de actuacións con música en directo promovidas polo centro.
Como explican dende a dirección da Escola, a programación educativa deseñada para este curso inclúe a música en directo como un elemento de grande interese. A captación da sonoridade dos instrumentos musicais e da expresividade das letras das cancións infantís son pezas imprescindibles para percibir o ritmo, posibilitar unha maior empatía coas emocións que comunican e para aprender a gozar dun patrimonio sonoro, neste caso incrementado co valor propio do galego como lingua vehicular da representación.